O PSdeG pide o recoñecemento do Pazo de Meirás e da Illa de San Simón como lugares de memoria democrática

ACoruñaXa
A deputada Paloma Castro insta á Xunta a colaborar co Estado para protexer e sensibilizar sobre a memoria democrática
Imaxe do Pazo de Meirás en Sada
10 Jan 2025

O PSdeG reclamou hoxe o recoñecemento do Pazo de Meirás e a Illa de San Simón como Lugares de Memoria Democrática, segundo establece a Lei de Memoria Democrática. A portavoz de Xustiza do grupo socialista, Paloma Castro, instou á Xunta a colaborar co Estado nas actividades vinculadas a esta declaración, destacando que se trata “dun paso necesario para facer xustiza, porque non hai futuro sen memoria”.

Castro anunciou que o PSdeG presentará iniciativas parlamentarias para esixir a implicación da Xunta tanto na protección destes enclaves como no desenvolvemento de accións de información e sensibilización dirixidas á cidadanía. Criticou o “desleixo” do goberno galego en cuestións de memoria histórica e apelou á súa responsabilidade para cumprir coa normativa estatal.

A socialista puxo en valor a relevancia histórica destes espazos. A Illa de San Simón foi un campo de concentración entre 1936 e 1943, onde moitas persoas foron vítimas de torturas e trato inhumano. Por outra banda, o Pazo de Meirás simboliza a expropiación forzosa sufrida polo pobo galego en 1938 para o beneficio de Francisco Franco, que utilizou o inmoble como residencia estival.

A decisión do goberno central de recoñecer estes lugares como parte da memoria democrática foi celebrada por Castro, quen destacou o papel do movemento veciñal e memorialista, así como o impulso dos gobernos socialistas, para recuperar o Pazo de Meirás como patrimonio público no ano 2020.

0.160404920578