O PSdeG levará ao Parlamento o "estado de abandono" da residencia de maiores de Oleiros

ACoruñaXa
A portavoz, Silvia Longueira responsabiliza ao goberno galego da “inseguridade e insalubridade” dos usuarios do centro, que teñen que convivir con dependentes con problemas psiquiátricos diagnosticados sen persoal cualificado para ser atendidos
Imaxe da deputada Silvia Longueira no Parlamento Galego
Imaxe da deputada Silvia Longueira no Parlamento Galego
17 abr 2024

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Silvia Longueira, ven de anunciar unha serie de iniciativas parlamentarias sobre o “lamentable estado de abandono” da Residencia de Maiores de Oleiros. Longueira responsabiliza ao goberno galego da situación de “inseguridade e insalubridade” á que teñen sometidos aos 240 usuarios do centro atendidos por unha plantilla sobrecargada.

A deputada, alertou de que os maiores do centro están obrigados a convivir con dependentes con problemas psiquiátricos diagnosticados que permanecen ingresados nun centro que non ten persoal cualificado para atendelos, o que deriva nun alto índice de conflitividade.

Así o dixo logo de manter esta mesma semana un encontro con representantes dos traballadores do sindicato CUT, que están a denunciar a situación dunha residencia que no seu tempo foi un referente e hoxe dista moito de ofrecer un mínimo de calidade aos residentes. Estes teñen que soportar pingueiras e humidade nos teitos, grúas elevadoras avariadas, espazos forrados con mantas e restos de cornixa espallados por un xardín ao que os xabarís acoden con total normalidade.

Ademais, Silvia Longueira sinala a situación “insostible” do persoal da Residencia pola sobrecarga de traballo, ata o punto de que un só auxiliar de enfermaría ten que atender a 44 grandes dependentes durante a quenda de noite. Apunta que o persoal, dividido en 3 quendas, cada vez é máis reducido e vese obrigado a afrontar xornadas extenuantes e ofrecer un servizo moi deficitario aos residentes, malia o que a xestión do centro segue sen responder ás reclamacións dos traballadores e traballadoras.