O PSdeG de Cambre esixirá un cambio de rumbo en Cambre trala dimisión do alcalde

ACoruñaXa
O partido socialista de Cambre informa de que abrirán un período de reflexión para valorar todas as opcións posibles e de que se reunirá con UxC nos vindeiros días
Imaxe da casa do Concello en Cambre
Imaxe da casa do Concello en Cambre
8 mar 2024

Os socialistas de Cambre, tras a dimisión de Óscar García Patiño o pasado xoves, esixirán un cambio de rumbo dentro do goberno municipal do Concello, logo de corroborar que “o alcalde recén dimitido non asumiu ningunha responsabilidade persoal”.

Dende o partido socialista de Cambre informan de que abrirán un período de reflexión para valorar todas as opcións posibles. Os socialistas agardan reunirse nos vindeiros días con UxC para coñecer de primeira man as intencións do novo alcalde ou alcadesa, tendo en conta que “é necesario un cambio de rumbo que permita solucionar os problemas administrativos existentes”.

Desde o PSdeG-PSOE de Cambre sinalan que “non se pode ter ao Concello nunha loita constante entre o corpo administrativo e o político”.

“O obxectivo da política e o traballo dun alcalde é buscar solucións para a veciñanza e niso temos que estar todos, ese cambio de rumbo só é posible si todos imos a unha, goberno, corporación municipal e funcionariado”, afirman.

“Cambre precisa un goberno, non só con capacidade de xestión, senón tamén con cintura política para chegar aos acordos necesarios encamiñados a desbloquear todos os problemas que se están a vivir no Concello”, conclúen os socialistas.