O PSdeG de Arteixo piden actuacións inmediatas na Travesía de Arteixo e no Pavillón Ponte dos Brozos

ACoruñaXa
Os socialistas de Arteixo piden ir “máis aló de concursos de ideas” e pedirán no pleno de febreiro que o goberno local realice actuacións de acondicionamento na Travesía de Arteixo dende o centro médico ata o cruce de Candame coa Avenida de Arteixo e no Pavillón Infantil Ponte dos Brozos
Imaxe da Travesía de Arteixo desde o centro médico ata Candame
Imaxe da Travesía de Arteixo desde o centro médico ata Candame
28 feb 2024

Os socialistas arteixáns soliciarán no pleno do 29 de febreiro que o goberno local realice actuacións de acondicionamento na Travesía de Arteixo dende o centro médico ata o cruce de Candame coa Avenida de Arteixo, así como a dotación de prazas de aparcamento nesa zona cun número importante de vivendas e locais comerciais.

“Vemos que despois de 12 anos do goberno actual, é imposible circular por un itinerario seguro e fai falla facer actuacións para que existan mellores prazas de aparcamento nesta ubicación” asegura a voceira socialista, Ana Cedeira, que sinala que “máis aló de concursos de ideas” o goberno debe realizar “actuacións inmediatas” para arranxar eses itinerarios e facelos máis seguros para a veciñanza e comerciantes da zona.

Necesidade de manter o Pavillón Infantil Ponte dos Brozos

O PSdeG de Arteixo tamén preguntarán no pleno pola existencia de “verdín” nos corredores do pavillón de infantil do CEIP Ponte do Brozos tal como denuncian integrantes da comunidade escolar do colexio, que tamén o puxeron en coñecemento do goberno local, pero sen resposta ata o día de hoxe.

A voceira socialista, Ana Cedeira, lémbralle ao goberno local que o mantemento destas instalacións lle corresponde ao concello. “Urxe tomar medidas para evitar caídas e lesións do alumnado e demais integrantes da comunidade escolar”, polo que instan ao grupo de goberno do PP que leve a cabo as actuacións de mantemento necesarias para acondicionalo.