O PSdeG de Arteixo denuncia a "nefasta" planificación dos campamentos 'Concilia 2024'

Campamentos Concilia Arteixo 2024O grupo municipal socialista de Arteixo preguntará no pleno de xuño pola nefasta planificación do goberno municipal para os campamentos ”Concilia 2024” que ten case tantas exclusións como concesións de prazas.
O portavoz socialista, Martín Seco, denuncia que nas últimas datas “observamos como unha vez máis a falla de planificación do goberno do PP deixa a máis de 300 rapaces e rapazas sen poder acceder a un campamento “Concilia” do noso concello, cunha listaxe definitva que ten case tantas exclusións como concesións de prazas”
Dende o grupo socialista opinan que o grupo de goberno debera “corrixir esta situación” e “adecuar a planificación dos programas ás demandas reais do concello”. “O programa Concilia debe facilitar ao maior número de familias unha praza para fomentar a conciliación que é o obxectivo do programa” sinala Seco, e “o goberno local ten a responsabilidade de evitar situacións como esta e a sucedida coa xente excluída das axudas a comedores escolares”.
O socialista lembra así que este non é o primeiro erro de planificación do goberno local, porque “hai poucas datas puidemos observar como o grupo de goberno do PP deixaba sen axudas para sufragar os comedores escolares a familias que tiñan dereito a elas por unha “insuficiencia no crédito” destinado a tal fin”. Algo insólito para os socialistas arteixáns “nun concello con unha gran capacidade económica que ademais aprobou suplementos de crédito posteriores para iso”.
Os socialistas demandan coñecer o número real da lista de agarda dos campamentos, cal é o motivo do erro na planificación da oferta de prazas, e si o grupo de goberno popular está a buscar algunha solución ante o elevado número de excluídos.