O proxecto do Río Maior encara a fase de expropiacións para completar o saneamento de Lubre

O Concello de Bergondo dará este xoves, 26 de novembro, un novo paso para executar o Plan Especial do Río Maior, na parroquia de Lubre. O pleno ordinario debaterá a aprobación inicial do proxecto de expropiación por taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para desenvolver a actuación.
A iniciativa permitirá avanzar na tramitación dun plan que recibiu a aprobación definitiva en outubro de 2025, despois de contar co informe favorable da Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia. A expropiación por taxación conxunta permitirá valorar nun único expediente todos os terreos e dereitos afectados, co obxectivo de simplificar e axilizar o procedemento.
Unha vez aprobada inicialmente a proposta e publicada, abrirase un prazo dun mes para que as persoas afectadas poidan presentar alegacións. Tras resolvelas, o Concello poderá iniciar o proceso de contratación do proxecto.
O Plan Especial do Río Maior contempla tres actuacións principais. A primeira permitirá completar a rede de saneamento de Lubre mediante a construción de tres novos colectores, que se sumarán aos sete xa executados e conducirán as augas residuais ata a depuradora de Gandarío.
A segunda actuación será a construción dun paseo fluvial de aproximadamente 2.184 metros entre Agrumias e Cambade. A senda executarase en madeira laminada de piñeiro tratado e ofrecerá un novo espazo de lecer para os veciños e veciñas, ademais de converterse nun atractivo turístico para a zona.
O proxecto tamén inclúe a restauración ambiental da contorna do río, que presenta certo grao de degradación debido á presión construtiva, e a incorporación de solucións para minimizar o risco de inundación en dous puntos do ámbito.
O avance deste plan xa se levou a pleno para súa aprobación definitiva en outubro de 2025, un trámite que abriu a porta ás expropiacións e á posterior redacción e contratación das obras.