O programa de lectura 'Cans e letras' cumpre catro anos en Culleredo

ACoruñaXa
O obxectivo principal do programa é axudar tanto a pequenas e pequenos escolares do municipio como a persoas con discapacidade intelectual a estimular as habilidades lectoras e melloras a nivel social
Imaxe do programa 'Cans e letras' en Culleredo
Imaxe do programa 'Cans e letras' en Culleredo
15 mar 2024

O programa 'Cans e letras' organizado por READ España afiánzase en Culleredo ao cumprirse catro anos desde a súa implementación. Esta mañá tivo lugar unha sesión con persoas usuarias do Centro Ocupacional 'A Escada' e a perrita Nala, xunto á súa educadora e guía Laura González, coordinadora do programa na provincia da Coruña. Este trimestre tamén se está traballando conxuntamente no CEIP Plurilingüe de Tarrío e o CEIP Plurilingüe Ría do Burgo.

Desde que se implementase en 2020, en pleno estado de alarma e onde as sesións eran telemáticas, é o cuarto ano consecutivo que leva a cabo. O obxectivo principal é axudar tanto a pequenas e pequenos escolares do municipio como a persoas con discapacidade intelectual a estimular as habilidades lectoras e melloras a nivel social. A actividade está financiada polo Ministerio de Cultura do Goberno de España e o Concello de Culleredo.

Elíxense para isto cans de terapia porque son moi tranquilos, capaces de estar todo o tempo ao seu lado e pendentes de toda persoa que le xunto a eles e elas. Todos os animais deste programa pasan un exame cada dous anos para comprobar que a súa tolerancia a #o #estrés sexa alta e poder así continuar coa súa actividade. Tamén se valora positivamente o vínculo que lle une ao seu guía.

A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, presente durante parte da sesión, insiste en que “se trata dun programa que leva funcionando moi ben o últimos tres anos, nos que observamos un importante avance e efecto positivo e, por suposto, tamén ten a parte de conseguir un vínculo cun animal, que é algo que valoramos enormemente”, sinalou.