O pregón de Xosé Manuel Merelles abriu en Curtis unha Feira 1900 que enche de música as rúas

GaliciaXa | ACoruñaXa
A vila regresa a comezos do século XX con actuacións, exhibicións de oficios, exposicións e ambientación de época
festa-1900-curtis
25 Jul 2026

As rúas de Curtis xa regresan a comezos do século XX tralo comezo da Feira 1900, nunha mañá de sábado que tivo como momento culminante o pregón da festa. O encargado de inaugurar as celebracións este ano foi o director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. Xornalista de profesión, dedicou boa parte da súa carreira á promoción do sector turístico da comunidade.

A xornada arrincou cun pasarrúas a cargo dos Garatuxeiros, seguida dunha actuación musical e baile a cargo da Asociación de Mulleres da Carballeira. Tralo pregón, Antonio Barros ofreceu unha sesión vermú.
A programación continúa esta tarde con pasarrúas dos Garatuxeiros e a Charanga Os Celtas, antes das actuacións de Quinta Receita e, como broche do sábado, de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.

A Feira 1900 de Curtis continuará mañá con máis pasarrúas e actuacións musicais, co concerto culminante de Xosé Lois Romero & Aliboria. Ademais, durante os dous días hai xogos tradicionais, exposicións, obradoiros e demostracións de oficios tradicionais.

Así mesmo, o chef André Arzúa está a levar a cabo diversos showcookings dentro do programa “A paisaxe que sabe” da Deputación da Coruña.

O alcalde, Javier Caínzos, destacou a consolidación dunha festa “que nos fai rememorar as grandes feiras de antano, e aqueles tempos nos que o ferrocarril traía a prosperidade ás vilas nas que paraba”. Neste sentido, agradeceu o traballo de todos os participantes na organización “polo seu gran esforzo para garantir que esta festa histórica sexa un auténtico éxito, como ven sucedendo nos últimos anos”.

0.11513805389404