O PP reclama un calendario para abrir o servizo de atención temperá de Culleredo

O Partido Popular de Culleredo reclama ao goberno municipal que concrete os pasos necesarios para poñer en marcha o servizo de atención temperá previsto en Vilaboa e fixe unha data para o seu inicio. A portavoz popular, Izaskun García, rexistrou unha solicitude para coñecer que trámites quedan pendentes e propón que o Concello designe unha persoa responsable da apertura, publique un calendario e informe as familias sobre o procedemento para acceder á prestación.
A petición chega despois de que a Xunta concedese ao municipio unha nova subvención de 298.237,68 euros, procedente da Consellería de Política Social e cofinanciada polo programa europeo FSE+ Galicia 2021-2027. A achega permitirá financiar o servizo durante dous anos, ata 2028, e ofrecer máis de 10.000 horas de atención individualizada. O recurso estará dirixido a nenos e nenas de entre cero e seis anos con trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos, e incluirá intervencións de logopedia, psicoloxía e terapia ocupacional.
A unidade estará situada nun local municipal da rúa Domingo Sierra, en Vilaboa, xunto ás dependencias de Servizos Sociais. Segundo a información difundida polo Concello, o acceso realizarase principalmente mediante derivación dos servizos municipais, en función das necesidades detectadas polos técnicos, e a prestación desenvolverase a través dunha entidade social especializada.
Non é a primeira vez que o municipio recibe financiamento para este proxecto. A principios de ano, Culleredo obtivera unha achega autonómica de 108.771,56 euros e anunciara que o servizo comezaría a funcionar nas semanas seguintes. En abril, o pleno aprobou a súa prestación mediante un concerto social, pero o procedemento de contratación quedou deserto, polo que a iniciativa non chegou a materializarse.
García considera que a nova achega debe servir para desbloquear definitivamente a apertura. A portavoz popular pide tamén que se habilite desde o primeiro momento un teléfono de información, se fagan públicos os criterios de acceso e se expliquen os pasos que deben seguir as familias para solicitar atención.
'En xaneiro o goberno de Rioboo prometeu que atención temperá abriría en poucas semanas. Dez meses despois, nin unha soa familia foi atendida', afirma García, que critica a demora e lembra que o período de financiamento previsto xa comezou. A representante do PP insiste en que as familias necesitan saber cando poderán acceder ao recurso e a quen deben dirixirse.