O PP reclama información sobre a futura terminal ferroviaria de mercadorías en Orro

ACoruñaXa
Os populares rexistraron 16 preguntas no Congreso e levarán tamén o proxecto ao Senado para coñecer as alternativas de localización e o seu posible impacto nas vivendas próximas
pp-culleredo-terminal-mercadorias-orro
27 Sep 2026

A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, visitou este domingo a zona de Souto, na parroquia de Orro, xunto cun grupo de veciños para coñecer as súas preocupacións ante a posible instalación dunha futura terminal ferroviaria de mercadorías conectada co Porto Exterior.

Na visita participaron tamén os deputados nacionais Tristana Moraleja e Álvaro Pérez, o vicesecretario de Organización e Territorio do PP da provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, e a senadora Rosa Gallego. Os residentes trasladáronlles as súas dúbidas sobre a proximidade da infraestrutura ás vivendas, o posible ruído, o impacto ambiental, a ocupación de terreos e o funcionamento que tería a terminal.

García explicou que a visita pretendía “escoitar directamente aos veciños afectados, coñecer sobre o terreo o que lles preocupa e seguir traballando para conseguir respostas claras” sobre un proxecto que, segundo indicou, pode ter unha incidencia importante na zona.

As cuestións formuladas polos veciños xa chegaron ás Cortes Xerais. Os deputados populares rexistraron no Congreso unha batería de 16 preguntas dirixidas ao Goberno, mentres que Rosa Gallego levará tamén o asunto ao Senado.

Entre as cuestións que o PP quere aclarar figuran o estado dos estudos, os posibles emprazamentos que continúan sobre a mesa e os criterios técnicos que se empregará para decidir a localización definitiva. Tamén solicita información sobre cando se fará pública a documentación, que terreos de Orro están sendo analizados, a distancia ás vivendas máis próximas e o número de propiedades que poderían verse afectadas.

Os populares preguntan ademais polo impacto acústico e ambiental e polas características que tería a actividade da terminal. Tristana Moraleja reclamou “información concreta e clara sobre unha infraestrutura desta relevancia” e sinalou que queren coñecer “se vai estar preto das casas, o ruído que pode xerar e como vai funcionar: cantos trens diarios pasarán, cantos vehículos pesados van circular ou se haberá actividade nocturna”.

Outra das cuestións trasladadas polos residentes ten que ver co Centro Loxístico de Transportes (CLT) de Ledoño, que contempla o uso ferroviario. Izaskun García quere saber se esta alternativa foi descartada polo Ministerio de Transportes e se tamén se estudou o contorno de Meirama, en Cerceda, onde existiu unha conexión ferroviaria coa antiga central térmica.

A portavoz popular defendeu que a veciñanza dispoña de información antes de que se adopte unha decisión definitiva. “Estamos falando dunha infraestrutura importante e de persoas que viven moi preto. Teñen dereito a saber que se proxecta, con que datos se está traballando, que alternativas se valoraron e que consecuencias pode ter para o seu día a día”, afirmou.

0.14699292182922