O PP pide recuperar a Policía de Barrio ante o aumento das pelexas na Coruña

O Grupo Municipal Popular reclamou a recuperación da Policía de Barrio na Coruña para reforzar a presenza de axentes nas rúas e actuar de forma preventiva ante o incremento de pelexas, agresións e altercados nos barrios da cidade.
Os populares sosteñen que a falta de efectivos na vía pública está a afectar á seguridade cidadá e aseguran que a cidade conta actualmente con 140 axentes menos dos que, ao seu xuízo, serían necesarios. Por iso, insisten en que a presenza policial nos barrios permitiría anticiparse a situacións de conflito e reducir episodios violentos.
A formación apoia a súa denuncia nos datos de criminalidade de 2025, que recollen 150 delitos graves e menos graves de lesións e liortas tumultuarias na Coruña, fronte aos 91 do ano anterior, o que supón un incremento do 64,8%. A estatística oficial tamén reflicte que a criminalidade total baixou un 1%, ao pasar de 12.458 infraccións penais en 2024 a 12.335 en 2025.
A petición chega nun contexto de novas críticas populares ao estado dalgunhas rúas. O portavoz municipal do PP, Miguel Lorenzo, visitou Alcalde Marchesi, onde asegura que veciños e comerciantes seguen trasladando queixas polo estado da vía e pola imaxe que ofrece o pavimento empregado nas reparacións.
A situación de Alcalde Marchesi xa foi obxecto de debate no pleno municipal, no que o Goberno local recoñeceu desgastes na rúa e defendeu que se están corrixindo. O PP, pola súa banda, critica que se tardase anos en actuar malia as protestas veciñais.
Os populares tamén advirten de que o aumento de episodios violentos incrementa a exposición dos propios policías. Por este motivo, reclaman medidas que reforcen a protección dos axentes e unha planificación de seguridade que recupere o traballo de proximidade nos barrios.