O PP de Culleredo recolle as demandas da mocidade nun encontro aberto

ACoruñaXa
A iniciativa 'Tomamos algo e falamos?' reuniu a arredor de medio cento de mozos e mozas, que reclamaron máis apoio á emancipación, mellor transporte e alternativas de lecer
CULLEREDO pp juventudes
27 Jun 2026

O PP de Culleredo celebrou este venres na cervexaría Saoko o encontro aberto coa mocidade 'Tomamos algo e falamos?', unha cita na que participaron arredor de medio cento de mozos e mozas do municipio.

O encontro contou coa presenza da portavoz popular, Izaskun García, e da directora xeral de Xuventude da Xunta, Lara Meneses, e desenvolveuse nun formato informal para recoller propostas, queixas e inquietudes da xente nova.

Durante a conversa, os participantes trasladaron demandas relacionadas co acceso á vivenda, a mellora do transporte público, as oportunidades de emprego, a falta de alternativas de lecer, a necesidade de espazos de reunión, instalacións deportivas en boas condicións e apoio para crear asociacións e proxectos xuvenís.

García animou á mocidade a implicarse máis na vida social e municipal, participar en entidades culturais ou veciñais e formular propostas para mellorar Culleredo.

Pola súa banda, Meneses explicou diferentes programas da Xunta dirixidos á xente nova, como Xuventude Mentoring, Fórmate na Empresa, o Bono Emancípate, as axudas para obter o permiso de conducir, Xuventude Crea ou o Carné Xove.

O PP local enmarca esta iniciativa como o primeiro dunha serie de encontros coa mocidade para incorporar as súas achegas ao traballo do grupo municipal.

0.12581205368042