O PP de Culleredo pide manter a cesión de A Garrocha e Monte Costa e retirar a solicitude de devolución

O Partido Popular de Culleredo reclama que se manteña a cesión de uso dos terreos de A Garrocha e Monte Costa e que o goberno local retire a solicitude de devolución presentada ante a Deputación da Coruña. A formación levou esta petición ao pleno municipal do pasado 27 de outubro, no que, segundo o PP, a moción foi aprobada por unanimidade.
A iniciativa insta ao alcalde, José Ramón Rioboo, a comunicar de maneira inmediata á Deputación o acordo plenario e formalizar a retirada da solicitude remitida polo Concello o pasado 28 de xaneiro. Ademais, reclama que se facilite nun prazo de cinco días hábiles o expediente completo, incluído o estudo de viabilidade, así como a documentación relativa ás comunicacións mantidas coa administración provincial e as respostas recibidas.
A voceira do PP local, Izaskun García, sinalou que o alcalde votou a favor da moción, pero non interveu durante o debate para explicar a súa posición. A formación considera necesario aclarar a situación administrativa dos terreos, cuxa cesión de uso, segundo sostén, estaría garantida ata 2042.
A controversia sobre o futuro destes espazos vén de semanas atrás. En setembro, o PP cuestionou a solicitude de devolución remitida polo Concello, ao entender que afectaba tanto a A Garrocha como a Monte Costa. Rioboo sostivo daquela que a petición se refería unicamente a Monte Costa, mentres que os populares aseguraron que a documentación incluía as dúas parcelas.
Nas últimas semanas, o goberno local anunciou tamén un proxecto conxunto coa Deputación para recuperar estes espazos, coa previsión de desenvolver unha zona de bosque autóctono en Monte Costa e un complexo multideportivo en A Garrocha. O PP pediu máis información sobre o financiamento, os prazos de execución e o modelo de xestión previsto.
A formación popular afirma que está a traballar cos clubs deportivos para elaborar unha proposta de uso de A Garrocha e defende que o espazo se destine a actividades deportivas e sociais.