O PP de Culleredo esixe unha solución urxente ante a falta de limpeza nas instalacións deportivas

ACoruñaXa
Os populares denuncian a “deixadez do goberno local”, mentres os clubes se ven obrigados a realizar tarefas de conserxería e limpeza pola falta de servizo
Imaxe do pavillón de Culleredo cheo de lixo
21 sep 2024

O Partido Popular de Culleredo criticou a “falta de xestión e desinterese” do alcalde Rioboo e da concelleira de Deportes, Cristina Pardo, polo abandono no servizo de conserxería e limpeza das instalacións deportivas, apenas comezada a nova tempada. Segundo Izaskun García Gorostizu, portavoz popular, os responsables dos clubes levan semanas encargándose persoalmente da limpeza e conserxería, tras o cesamento do contrato con Jardincelas en maio.

“O Concello contratou unha empresa de emerxencia para a limpeza de edificios municipais, pero excluíu as instalacións deportivas, deixando aos clubes sen servizo”, declarou García. A situación agravouse tras rematar un contrato de circunstancias que cubría a limpeza por só dúas semanas, sen que os clubes foran informados sobre os pasos a seguir a partir de agora.

A portavoz popular cualificou de “inadmisible” que os responsables deportivos locais teñan que asumir tarefas que lle corresponden ao Concello, poñendo en risco tanto a saúde como a seguridade dos deportistas, e advertiu que os clubes poderían enfrontar sancións federativas debido ás condicións hixiénicas deficientes. García tamén denunciou o lamentable estado das instalacións, sinalando casos como o pavillón de Tarrío, cuxo mal estado supón un “evidente risco de lesións”.

O PP de Culleredo acusou ao goberno local de mostrar interese polos clubes deportivos só cando queren “sair na foto” e aproveitarse dos seus éxitos, mentres os deixan sen mantemento, subvencións e agora sen servizos esenciais.

 

4o
0.16290497779846