O PP de Culleredo advirte do deteriodo do pavillón de Tarrío

ACoruñaXa
En setembro os populares lograron o acordo plenario para un Plan Integral de Mantemento de Instalacións Deportivas que, denuncian, non se está levando a cabo
Culleredo Pavillón de Tarrío
Culleredo Pavillón de Tarrío
19 abr 2024

O Partido Popular de Culleredo volve a incidir na urxente necesidade de sacar “dunha vez por todas un novo e renovado proxecto para a rehabilitación integral de Tarrío”.

Sinalan que desde que a empresa que ía realizar as obras, xa en 2021, renunciase a elas “pola pésima xestión que o Goberno Local fixo de todo o proxecto, o PP de Culleredo non deixou de pedir que se emendasen os defectos do proxecto orixinal e as carencias que nel detectaron os clubs, o máis axiña posible”, sinala o seu concelleiro, Carlos Leites.

As condicións nas que se seguen realizando as competicións deportivas de distintos deportes e categorías, en Tarrío, son realmente “preocupantes. Os clubs que nos visitan mostran, en moitas ocasións, o seu asombro por ter que competir nunha instalación destas características, con pingueiras, gretas, vestiarios insuficientes e en mal estado, nula accesibilidade e unha longa listaxe de carencias”, advirten os populares.

Un mal estado que, por desgraza, non só se dá en Tarrío. Son numerosas as instalacións deportivas municipais necesitadas de importantes reformas e mantemento. “Mantemento tanto correctivo como preventivo”, recalca Leites, “se se puxese en marcha o Plan Integral de Mantemento que logramos aprobar por unanimidade en setembro, lograriamos polo menos frear a progresiva deterioración de moitas instalacións”.

O Partido Popular insiste en afirmar que non cejarán no seu empeño de ver “un novo Tarrío á altura dos clubs que o utilizan e dos veciños e afeccionados que o visitan en cada competición”.