O PP de Culleredo acusa ao alcalde de "abandono" e urxe accións inmediatas ante a falta de xestión

ACoruñaXa
O Partido Popular de Culleredo criticou duramente, no Pleno este mércores 25 de setembro, ao alcalde José Ramón Rioboo pola súa "deixadez de funcións" e a falta de compromiso coa veciñanza.
Imaxe do PP no Pleno de Culleredo
25 sep 2024

O Partido Popular de Culleredo criticou duramente, no Pleno este mércores 25 de setembro, ao alcalde José Ramón Rioboo pola súa "deixadez de funcións" e a falta de compromiso coa veciñanza. Izaskun García Gorostizu, portavoz popular, sinalou que no pleno ordinario de setembro "o alcalde desviou unha vez máis a atención, culpando á oposición en lugar de asumir o seu deber de gobernar e presentar propostas útiles para mellorar a vida dos veciños".

Entre os temas máis urxentes, García destacou a promesa incumprida de presentar os orzamentos para 2025, a licitación de contratos caducados, e a posta en marcha de proxectos fundamentais como o pavillón de Tarrío ou o parque das Bañas. A pesar da longa lista de asuntos pendentes, o pleno foi convocado "sen nada que debater", unha situación que a líder popular cualificou de "vergoñenta".

Preocupación polos gastos correntes

Outro aspecto alarmante para o Partido Popular é o estado dos gastos correntes, que a falta dun trimestre para rematar o ano presentan un saldo de tan só 35,12 euros, cando ao comezo do exercicio o orzamento era de 8 millóns. "Que explique o alcalde como pensa xestionar este desastre", esixiu García, facendo referencia a servizos esenciais como a iluminación pública, limpeza viaria, ou a recollida de residuos.

Acusación de abandono do concello
Os populares tamén critican que Rioboo dedique máis tempo á súa posición na Deputación da Coruña que ao propio concello de Culleredo, sen participar nas comisións informativas nin nas xuntas de voceiros. "A situación de abandono agrávase cada día, e Culleredo está sufrindo un deterioro nos seus servizos municipais", lamentou García, quen pediu ao alcalde que asuma as súas responsabilidades ou dimita "se o cargo lle queda grande".

0.18267703056335