O PP de Betanzos propón ao goberno local solicitar axudas da Xunta para mellorar a depuradora municipal

ACoruñaXa
A subvención está destinada a instalar sistemas que permitan controlar a calidade da auga residual doméstica reintegrada á ría
Imaxe da Praza do Concello en Betanzos
28 Xuño 2024

A portavoz do PP de Betanzos, Cecilia Vázquez, propón ao Concello que valore a posibilidade de acudir aos fondos que a Xunta poñerá ao dispor dos concellos para optimizar as depuradoras de titularidade municipal. Este é o caso da estación depuradora de Betanzos, situada no Porto, que trata as augas residuais urbanas antes de devolvelas á ría. Á medida poderán acollerse todos os municipios de menos de 20.000 habitantes.

Segundo sinala Cecilia Vázquez, o Executivo galego destinará preto de 5,8 millóns de euros -cofinanciados con fondos Next Generation da Unión Europea. Estas axudas teñen como obxecto dotar ás EDAR (estación depuradora de augas residuais) de sistemas que permitan controlar en tempo real a calidade da auga. Un control que se poderá levar na propia instalación e tamén de forma remota.
A portavoz municipal e deputada no Parlamento de Galicia, Cecilia Vázquez, indica que Betanzos, como o resto dos concellos que queiran acceder a estas axudas, teñen de prazo ata o día 29 do mes que vén para presentar as súas solicitudes. Nelas deberán incluír as captacións, depósitos ou estacións de tratamentos nas que desexan que se implante esta tecnoloxía.

Ademais de trasladar a información ao equipo de Goberno, Cecilia Vázquez, comentou que tanto ela como o grupo municipal, póñense ao dispor da alcaldesa para calquera cuestión relacionada con esta mellora na calidade da auga que se reintegra ao Medio Natural. Cecilia Vázquez indicou que a conservación e protección da Ría de Betanzos, foi unha das cuestións que ela tratou en Bruxelas co administrador do comité de fondos rexionais, Gustavo López Cutillas.

0.14848685264587