O PP de Betanzos pide un autobús directo ás 6.50 horas e outro ás 15.30 para mellorar a conexión coa Coruña

ACoruñaXa
Ceci Vázquez trasladou estas propostas á directora xeral de Mobilidade nunha reunión na que tamén reclamou máis inspeccións ante as queixas por servizos que non se realizan ou acumulan atrasos
BETANZOS autobus
3 Nov 2026

A voceira do Partido Popular de Betanzos, Ceci Vázquez, mantivo este luns unha reunión coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, para trasladarlle varias propostas de modificación das conexións de autobús entre Betanzos e A Coruña. Entre as principais peticións figura substituír o servizo das 7.00 horas por outro directo ás 6.50 horas, así como incorporar unha nova conexión de volta desde A Coruña ás 15.30 horas durante o período lectivo.

A proposta para o servizo da mañá consiste en establecer un percorrido con só dúas paradas en Betanzos e unha única parada na Coruña, en Alfonso Molina, sen chegar á estación intermodal. O obxectivo, segundo explicou Vázquez, é axilizar a viaxe e responder ás demandas trasladadas por usuarios habituais do transporte público.

A segunda petición pasa por engadir un autobús directo desde A Coruña ata Betanzos ás 15.30 horas durante o curso escolar, excluíndo os períodos de vacacións de inverno e verán. A voceira popular asegurou que estas propostas responden a peticións de veciños, usuarios do transporte, funcionarios e outros colectivos afectados, e considerou que son medidas «sensatas e viables».

Durante a reunión, Vázquez tamén solicitou á Dirección Xeral de Mobilidade que intensifique as inspeccións sobre o servizo. Segundo trasladou, o PP recibiu queixas por autobuses que non realizan algunhas das viaxes previstas e por outros que circulan con atrasos excesivos.

Cambios pola apertura da estación intermodal

O encontro serviu tamén para abordar as modificacións que se aplicarán ás conexións interurbanas coa Coruña a partir da apertura da nova estación intermodal, prevista para este martes, 3 de novembro. Vázquez agradeceu á Xunta que comunicase previamente aos concellos da contorna os cambios de itinerario.

No caso de Betanzos, os axustes previstos serán limitados e as conexións manterán os percorridos habituais de entrada e saída da cidade, a través dos corredores da avenida da Pasaxe e de Alfonso Molina. A principal novidade será o traslado á nova estación intermodal das liñas que ata agora tiñan a estación de autobuses como parada de cabeceira.

Os servizos que teñen como destino o Teatro Colón conservarán o percorrido e as paradas actuais de entrada á cidade, sen pasar pola intermodal. Na saída desde esa parada, a modificación afectará á parada da Costa da Palloza, que deixará de estar operativa e será substituída por un acceso directo á avenida de Alfonso Molina e á nova terminal.

A Xunta tamén prevé habilitar unha parada exterior á estación intermodal, en sentido de saída, para os autobuses que teñen a cabeceira no Teatro Colón. Permitirá que os servizos dos corredores da Pasaxe, Monelos e Alfonso Molina poidan recoller pasaxeiros sen entrar na terminal, reducindo así os tempos das viaxes. A súa localización definitiva será na avenida do Ferrocarril, unha vez que o Concello da Coruña remate as obras de acceso á estación.

Vázquez asegurou que o PP continuará trasladando á Xunta as demandas que reciba da veciñanza e defendeu unha política «útil e construtiva» para procurar melloras no transporte público.

0.14459896087646