O PP de Betanzos esixe medidas urxentes ante o desplome de vivendas no centro histórico

ACoruñaXa
Os populares piden garantir a seguridade das persoas que transitan polo centro histórico da cidade e poñer freo á deterioración do seu patrimonio histórico
Imaxe do Casco Histórico de Betanzos
Imaxe do Casco Histórico de Betanzos
20 mar 2024

O Partido Popular esixe ao Concello de Betanzos que utilice todos os instrumentos legais da súa competencia para garantir a seguridade das persoas que transitan polo centro histórico da cidade e para poñer freo á deterioración dos inmobles desta área de gran valor artístico.

A iniciativa xa foi presentada esta semana como moción para o seu debate no pleno ordinario deste mes. A portavoz popular, Cecilia Vázquez, lembrou que hai dúas semanas esborrallouse unha vivenda, situada a escasos metros da casa do concello que, segundo o propio concello, tiña unha orde de execución desde hai dous anos. “De pouco vale iniciar un expediente administrativo, se queda no caixón do esquecemento” comentou. O goberno local o único que fai é “ facer que fai” . Unha estratexia que ten como resultado a ruína crecente do patrimonio de Betanzos.

Vázquez indicou que o seu grupo político leva anos trasladando ao goberno local iniciativas achegando ideas e posibles solucións ao estado de colapso do centro histórico. Unha situación que está xerando a destrución de centenares de vivendas, decenas de establecementos comerciais, prexudicando a imaxe xeral do municipio e xerando focos de insalubridade e inseguridade, causadas polo abandono e a falta de iniciativa do goberno local.

Pero para a responsable do Partido Popular de Betanzos, é prioritario que o equipo socialista tome conciencia do perigo para as persoas que supoñen o esborralle das casas. Así, segundo sinalou Cecilia Vázquez “ata o momento non tivemos que lamentar danos persoais e espe-remos que isto siga sendo así, pero o PSOE coa súa forma de non actuar está a comprar todos os boletos para que un día teñamos moito que lamentar”