O PP de Betanzos esixe ao Concello que cumpra co manifesto dos veciños de Rosalía de Castro
O Partido Popular de Bentazos esixe ao goberno local que cumpra o compromiso alcanzado en pleno cos veciños da rúa Rosalía de Castro. O acordo, aprobado por unanimidade, circunscríbese ao manifesto presentado polos propios veciños da citada rúa. Un documento que inclúe unha serie de medidas para acabar con este problema, garantir o descanso dos veciños e mellorar a seguridade na zona. A moción xorde tras a última reunión mantida, o pasado venres, por Cecilia Vázquez cos veciños para abordar a circunstancias actuais da rúa,
“A pesar da aprobación unánime destas medidas, a día de hoxe os veciños seguen esperando que se implemente o acordo ”comenta a portavoz popular, Cecilia Vázquez. É imprescindible que o goberno local actúe facendo efectivas as medidas recollidas no manifesto dos veciños de Rosalía de Castro, co fin de acabar cos coñecidos e constantes problemas da zona, garantir o descanso dos veciños e mellorar a seguridade dunha área residencial densamente poboada, asegurou Vázquez.
Neste sentido, a portavoz defenderá no pleno a necesidade de esixir ao equipo de goberno a execución urxente de todas as medidas plasmadas no manifesto, a solicitude dun informe detallado sobre o estado de implementación das medidas, incluíndo calendario e recursos implementados. Outras das esixencias expostas polos populares concrétanse, no incremento da presenza policial e controlar o ruído dos locais de lecer e dos vehículos modificados.
Para finalizar, a iniciativa que defenderá o PP no pleno deste mes, esixe a reafirmación do compromiso do Concello para garantir o benestar dos residentes da rúa Rosalía de Castro e o cumprimento das respectivas normativas. “Garantir o benestar e cumprir as normativas, algo que tería que ser o normal, en Betanzos é excepcional” comentou Cecilia Vázquez.