O PP de A Coruña reclama máis prazas nos campamentos municipais

ACoruñaXa
Os populares levarán ao pleno unha moción para recuperar as 1.245 prazas que din que se perderon desde 2023 e revisar o acceso da mocidade con discapacidade
A CORUÑA campamento
12 May 2026

O Grupo Municipal Popular levará ao pleno do 14 de maio unha moción para reclamar ao goberno local da Coruña unha ampliación da oferta dos campamentos municipais de verán e unha revisión inmediata dos criterios de acceso para mozos e mozas con discapacidade. A formación sostén que, desde 2023, a cidade perdeu 1.245 prazas neste servizo, unha redución que cifra nun 17 % e que, segundo advirte, está a xerar preocupación entre moitas familias.

A iniciativa chega poucos días despois de que o Concello da Coruña abrise a preinscrición para os campamentos de verán de 2026, cunha oferta total de 6.116 prazas distribuídas en oito modalidades e máis de 40 sedes repartidas por barrios da cidade. A campaña municipal inclúe Campacoles, campamentos de Fórum e Ágora, campamentos municipais de día, urbanos en centros cívicos, tradicionais con pernocta, deportivos, de Mocidade e a Escola de Verán da OMIC.

Desde o PP consideran que esta oferta non responde á demanda real das familias coruñesas, especialmente durante os períodos non lectivos, cando os campamentos se converten nun recurso clave para a conciliación. Por iso, propoñen recuperar progresivamente as prazas eliminadas nos últimos anos e elaborar un plan de ampliación que permita adaptar o servizo ás necesidades actuais.

A moción pon tamén o foco nas condicións de participación das persoas con discapacidade, especialmente no Campamento de Mocidade. Os populares critican que se limite a participación a un máximo de dúas prazas por quenda e que se establezan requisitos como ter capacidade de comunicación e participación nas actividades, contar cunha mobilidade acorde coas propostas ou non presentar trastornos que poidan alterar a convivencia.

Para o grupo municipal, estas condicións trasladan unha visión 'restrictiva e pouco inclusiva' da discapacidade. A proposta reclama incrementar os recursos humanos e materiais, reforzar os apoios especializados e introducir adaptacións individualizadas para garantir que a participación sexa real, igualitaria e libre de discriminación.

Segundo o concello, a campaña deste ano reserva 98 prazas para menores con necesidades educativas especiais ou diversidade funcional, en función das características de cada programa. O calendario fixa a publicación das listaxes provisionais o 15 de maio, o prazo de reclamacións os días 18 e 19, o sorteo o 21 de maio e a publicación das listaxes definitivas o 1 de xuño.

0.1185188293457