O PP da Coruña propón a comparecencia de Portos do Estado na Comisión da Fachada Marítima

ACoruñaXa
O voceiro popular, Miguel Lorenzo, trasladou a súa proposta de comparecencias na Comisión, ademais de manifestar o seu acordo coa formulada polo Grupo do BNG
O voceiro do PP da Coruña, Miguel Lorenzo
O voceiro do PP da Coruña, Miguel Lorenzo
8 may 2024

O portavoz do Grupo Popular na Coruña, Miguel Lorenzo trasladou a súa proposta de comparecencias na Comisión Especial para a Fachada Marítima ao presidente da mesma, Francisco Jorquera, ademais de manifestar o seu acordo coa formulada polo Grupo do BNG. “A fachada marítima é o futuro da cidade. Debemos afrontalo e construílo entre todos, sen présa pero sen pausa, e sobre todo con boa letra”, sinala.

En primeiro lugar, o PP propón que compareza Pilar Parra Serrano, Directora Corporativa de Portos do Estado e presidenta da Comisión de Normalización Económica do devandito ente, para que informe á comisión sobre os detalles do crédito vixente e acerca de posibles solucións para a condonación da débeda ou medida equivalente, tal e como se aprobou reiteradamente no Pleno.

De seguido, o Grupo Popular considera necesaria a comparecencia de Fernando #Vidal Raposo, presidente de AUSPORT (Asociación de Usuarios do Porto da Coruña), quen, como representante de intereses comúns de decenas de empresas e miles de postos de traballo, pode contribuír para achegar o punto de vista de prestadores de servizos, operadores, clientes e usuarios do porto.

A proposta inclúe a Juan Carlos Corrás Arias, Presidente da Lonxa da Coruña, un dos portos de pesca fresca máis importantes do mundo e un sector que move 5.000 empregos directos e 15.000 indirectos e que é un dos principais protagonistas do noso porto e da nosa cidade.

O cuarto relator proposto polo Grupo Popular é Enrique Urcola Fernández-Miranda, para que na súa condición de Decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia achegue a súa visión sobre a oportunidade que se abre á cidade da recuperación dos terreos do porto interior.