?> O PP da Coruña pide á alcaldesa poñer fin á escandalosa xestión do IMCE en ACoruñaXa

O PP da Coruña pide á alcaldesa poñer fin á escandalosa xestión do IMCE

ACoruñaXa
Este xoves celebrouse un consello reitor do IMCE no que o Goberno municipal aprobou só cos seus votos pagar 2,5 millóns de euros de facturas irregulares de 2023. O interventor advirte que aínda hai 1 millón máis pendente
O voceiro do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo
O voceiro do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo
Redacción ACoruñaXa
25 abr 2024

O Grupo Popular da Coruña esixe á alcadesa, Inés Rey, que poña fin ao descontrol absoluto na xestión do IMCE que ten 3,5 millóns de euros sen pagar de facturas irregulares de 2023, “porque é un escándalo”, afirma Miguel Lorenzo.

Na maña deste xoves celebrouse un consello reitor do IMCE no que o Goberno municipal aprobou só cos seus votos pagar 2,5 millóns de euros de facturas irregulares, das coñecidas como facturas de caixón. É o paso previo á súa remisión ao Pleno municipal, que terá que autorizar estes pagos. “Estas facturas corresponden a gastos sen seguir a normativa de contratación, en moitos casos de forma verbal, o famoso “ti vai facendo” e sen orzamento para pagalas”, sinala Lorenzo.

“O Interventor municipal ha feito un informe demoledor, por suposto desfavorable a que se faga este pago de 2,5 millóns de euros, no que reflicte que faltan informes e outros non están asinados por funcionarios. Tamén sinala que falta un informe xurídico da Asesoría Xurídica municipal ou do Secretario e o goberno municipal presentou esta mesma mañá un informe por unha persoa externa. Por que non o fixo a Asesoría Xurídica municipal?”, destaca.

Neste sentido, o portavoz Popular destaca que “ademais o interventor reflicte no seu informe que aínda hai 1 millón de euros máis en facturas irregulares, facturas de caixón, pendentes de abono ademais destes 2,5 millóns de euros. En total son 3,5 millóns de euros de facturas irregulares no Imce. O IMCE tivo un orzamento final en 2023 de 10 millóns de euros, e a maiores deste orzamento atopámonos con 3,5 millóns de euros de facturas de caixón: o goberno municipal gastou irregularmente, sen seguir os procedementos administrativos e sen diñeiro para pagar un 36% a maiores do orzamento deste organismo”.

Esta é a maneira de xestionar do goberno municipal, xestionar sen respectar os procedementos establecidos. “En 2022 Inés Rey bateu o record histórico deste concello ao autorizar coa súa firma 1.840 facturas irregulares que a intervención municipal informou que non procedía abonar por estar sen contrato ou omitir requisitos esenciais por un importe total de 31 millóns de euros. Desde que Inés Rey é Alcaldesa, autorizou coa súa firma o pago de 6.659 facturas irregulares e un total de 131 millóns de euros”, lembra Lorenzo.

Pero no IMCE “non só falamos de facturas irregulares, senón que para pagar eses 2,5 millóns de 2023 que levan hoxe ao consello reitor para logo levalo a Pleno propoñen descontalo do orzamento do IMCE para este ano. É dicir que para pagar facturas irregulares de 2023 van reducir o orzamento do Imce de 7,3 millóns de 2024 en 2,5 millóns e aínda queda outro millón máis por abonar”.