O PP da Coruña esixe a reparación inmediata de graves deficiencias no parque de Os Pelamios

ACoruñaXa
A formación insta ao Goberno municipal a tomar acción ante perigosidade para os nenos
Imaxe do portavoz popular, Miguel Lorenzo, no parque Os Pelamios
Imaxe do portavoz popular, Miguel Lorenzo, no parque Os Pelamios
10 Xul 2024

O voceiro do Grupo Popular, Miguel Lorenzo, presentou onte un escrito solicitando a Inés Rey que esixa á empresa que realizou as obras de Os Pelamios que corrixa todas as deficiencias de xeito inmediato e que, mentres iso non ocorra, proceda ao peche do parque infantil, xa que non está en condicións de ser utilizado pola perigosidade que supón para os seus usuarios. "Inés Rey inaugurou a obra o 31 de maio e só un mes despois de recepciona-la e abrila está chea de deficiencias a pesar de ter investido máis de 3 millóns de euros".

No escrito, Lorenzo expón unha cronoloxía dos feitos denunciados: "Desde o 27 de xuño estamos pedíndolle publicamente que esixa á empresa que solucione as múltiples deficiencias, especialmente na zona de xogos infantís, onde hai bolas de caucho polo chan que os nenos poden levar á boca. No Pleno do 4 de xullo fixen unha petición verbal advertindo deste perigo e piden que pechen o parque até que o arranxen".

A zona de xogos infantís supón un perigo para os cativos. É especialmente grave a rotura do caucho, con moitas bolas no chan que poden levar á boca. Tamén hai farolas sen tapas protectoras ao nivel do chan na zona próxima á infantil, tras investir 43.000 euros na súa reparación. A zona de céspede presenta calvas abundantes e mala conservación a pesar de terse certificado máis de 50.000 euros, pavimentos irregulares, sinalización no chan, etc.

"Urxe unha solución para este grave problema. Parece unha grave irresponsabilidade que o Goberno municipal permita que os nenos xoguen nun parque neste estado", afirma o voceiro popular.

Con un período inicial de 10 meses, esta obra estivo en execución durante 18 meses, case o dobre do previsto, e a pesar do atraso atopámonos cunha execución deficiente. Realizamos diversas preguntas escritas ao Goberno municipal por este atraso, pero as respostas sempre foron evasivas.

"En resposta a unha delas, entregada ao noso grupo no Pleno de xuño, responden que a obra foi recepcionada, o que nos preocupa debido ás condicións nas que se realizou. Por iso reclamamos que se exixa á contratista as súas responsabilidades e que corrixa as deficiencias de xeito inmediato, xa que, ademais, comprometéronse a aumentar a garantía un ano máis do inicialmente previsto", sinala o voceiro popular.

0.15185594558716