O PP acusa a Inés Rey de bloquear 101 millóns en investimentos nos barrios a falta de tres meses para pechar o ano

ACoruñaXa
O portavoz popular, Miguel Lorenzo, denuncia que o goberno municipal só executou o 11% do orzamento de obras e alerta de que xa quedan 326 millóns sen gastar en cinco anos de mandato
Imaxe do barrio das Flores na Coruña
1 Out 2024

O Grupo Municipal Popular vén de denunciar que o goberno de Inés Rey só executou o 11% do orzamento destinado a obras nos barrios da Coruña, cando xa transcorreu o 75% do ano. Segundo o PP, a alcaldesa acumula un total de 101,7 millóns de euros sen gastar en investimentos, o que, ao seu xuízo, reflicte unha ineficaz xestión económica por parte do executivo local.

Miguel Lorenzo, portavoz do PP no Concello, sinala que a alcaldesa deixou sen executar 225 millóns de euros durante os seus cinco anos de mandato, e que este ano pode bater o seu propio récord de inactividade. "A pesar das múltiples necesidades dos barrios, como novas infraestruturas ou o mantemento de servizos, Inés Rey non executa o orzamento. En cinco anos, non se construiu unha escola infantil, un centro cívico, un centro de día ou unha biblioteca. As poucas obras realizadas fixéronse sen consenso veciñal, provocando protestas como en Casas de Franco, Pintor Laxeiro ou Padre Sarmiento", critica Lorenzo.

A situación é especialmente grave nas transferencias para obras realizadas por terceiros, como subvencións para rehabilitación ou instalación de ascensores. O PP revela que só se executaron 622.859 euros dos case 24 millóns destinados a estas partidas, o que representa un escaso 2,6% de execución.

En canto ao orzamento total do concello, de 431,3 millóns de euros, a falta de tres meses para pechar o exercicio, só se executou o 43%. "A alcaldesa presume de ter o orzamento máis elevado da historia da cidade, pero o problema é que non o executa. É o peor recorte que lle pode facer aos coruñeses, especialmente tras subir os impostos este ano", conclúe Lorenzo.

0.085201025009155