O pleno nomea ó historiador Francisco Sandoval Verea cronista oficial de Ordes

ACoruñaXa
A corporación recoñece por unanimidade a traxectoria do investigador, especialista na historia local e na divulgación do patrimonio documental
ORDES Francisco Sandoval Verea
1 May 2026

O pleno do Concello de Ordes acordou por unanimidade nomear a Francisco Sandoval Verea como cronista oficial do municipio. A designación recoñece unha ampla traxectoria vencellada á investigación histórica, á divulgación do patrimonio documental e ao estudo da comarca ordense.

Aínda que naceu na Coruña, Sandoval Verea trasladouse desde neno a Ordes, municipio do que procede a súa familia materna. Licenciado en Xeografía e Historia nas especialidades de Historia Moderna, Biblioteconomía e Arquivística, conta tamén cun doutoramento pola Universidade de Santiago de Compostela e cunha diplomatura en Biblioteconomía e Documentación pola Universidade da Coruña.

Desde o ano 2003 exerce como técnico de arquivos da Xunta de Galicia, cun traballo especialmente centrado na difusión e na posta en valor do patrimonio documental. Esta actividade profesional compaxínaa cunha destacada produción investigadora, boa parte dela centrada na comarca de Ordes durante a Idade Moderna e os primeiros anos da Idade Contemporánea.

Un dos seus traballos máis relevantes chegou en 1999 coa publicación da memoria de licenciatura 'A xurisdición de Folgoso a finais do antigo réxime', na que analizaba esta antiga circunscrición administrativa integrada por 21 parroquias dos actuais municipios de Ordes, Frades e Oroso.

A súa carreira investigadora recibiu un novo recoñecemento en 2023, cando obtivo o XXIV Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo pola obra 'A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX'. O galardón puxo en valor a súa análise sobre a evolución e transformación do territorio na comarca de Ordes.

Francisco Sandoval Verea suma 62 colaboracións en publicacións periódicas e participou en 8 obras colectivas. A súa achega tamén destaca pola recuperación e difusión da figura de Isabel Zendal e das súas orixes ordenses.

Co seu nomeamento como cronista oficial, Ordes incorpora unha figura chamada a preservar, estudar e divulgar a memoria histórica local. A unanimidade acadada no pleno reflicte o recoñecemento compartido ao seu labor e á súa vinculación co municipio.

0.11463499069214