O pleno da Deputación da Coruña insta á Xunta a retirar a suba do canon de Sogama

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña critica o aumento do canon de Sogama e pide un cambio de modelo na xestión de residuos en Galicia
Imaxe do pleno de setembro da Deputación da Coruña
13 sep 2024

No pleno celebrado hoxe, a Deputación da Coruña aprobou unha moción instando á Xunta de Galicia a retirar a suba do 30% no canon de Sogama, que se aplicará en 2025. A proposta, impulsada polo PSOE e o BNG, foi aprobada cos votos destes grupos, a abstención de Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP.

Segundo recolle a moción, o aumento do canon fará que os concellos pasen de pagar 66 euros a 108 euros por tonelada de residuos, xerando "un importante impacto económico nas arcas municipais e no recibo da cidadanía". Por iso, a Deputación solicita á Xunta que manteña o canon actual ou, no caso de aplicar unha suba, que esta sexa bonificada ao 100%, criticando a bonificación parcial do 60% anunciada polo goberno autonómico.

O portavoz socialista, Bernardo Fernández, sinalou que "existe un problema de modelo na xestión do lixo en Galicia", cunha aposta excesiva pola incineración, "o método menos ecolóxico". Tamén criticou que o PP atribúa a responsabilidade ao Goberno central cando, en realidade, esta medida responde á adaptación dunha directiva europea aprobada en 2018 durante o goberno de Mariano Rajoy.

Pola súa banda, Avia Veira, deputada do BNG, destacou que "o aumento do canon responde a decisións políticas que levan a Galicia á cola en reciclaxe, con tan só un 21% de residuos reciclados, lonxe do 50% esixido polas normas europeas". Veira reprobou "a decisión de ampliar Sogama priorizando a incineración, en detrimento de opcións máis ecolóxicas e sostibles".

A moción aprobada insta á Xunta a reformular a súa política de xestión de residuos, apostando por un modelo descentralizado que privilexie a proximidade e a reciclaxe sobre a incineración e o depósito en vertedoiros. Ademais, solicita que os fondos do Fondo Ambiental, que suman 12,1 millóns de euros, se distribúan entre todos os concellos galegos en función das toneladas de lixo tratadas, e se reforcen as medidas para reducir a produción de residuos e mellorar a recollida selectiva da materia orgánica, incrementando o apoio económico aos municipios que implanten sistemas de compostaxe ou outras alternativas sostibles.

Con esta decisión, a corporación provincial manifesta a súa oposición á suba do canon e pide un cambio nas políticas autonómicas cara a unha xestión de residuos máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.

0.18926000595093