O Pleno da Coruña aproba a suspensión do convenio co fondo de investimento suízo Gingko trala iniciativa do BNG

ACoruñaXa
O BNG denuncia que o acordo só beneficia intereses privados e consegue melloras orzamentarias en bolsas comedor e o bono taxi
Imaxe da bancada do BNG no pleno da Coruña
12 sep 2024

O Pleno do Concello da Coruña acordou suspender o convenio co fondo de investimento suízo Gingko, tras aprobarse unha moción presentada polo BNG. A concelleira Avia Veira, en representación do grupo nacionalista, destacou que o acordo "só favorece intereses privados", xa que exclúe do plan urbanístico PXOM os terreos adquiridos por Gingko. O PSOE votou en contra da moción, mentres que o PP votou a favor.

A proposta do BNG inclúe, ademais, a solicitude de completar a modificación do PXOM que afecta á zona litoral entre a praia de Oza e a Ponte Pasaxe, que inclúe os polígonos RB1, RB2 e RB3. A modificación reduciría a edificabilidade das Xubias de Arriba e Abaixo, limitando a construción de 633 vivendas previstas a só 241, para preservar mellor este tramo da fachada marítima. Con todo, os terreos de Gingko quedarían fóra desta modificación.

Por outra banda, o Pleno aprobou tamén o modificativo de crédito M4, no que o BNG conseguiu melloras importantes, como o aumento en 120.000 euros para bolsas comedor e 40.000 euros para o bono taxi. Grazas á negociación do BNG, tamén se mantiveron partidas para proxectos como o Castelo de San Antón, o Castro de Elviña e o polideportivo da Sagrada Familia. Francisco Jorquera, portavoz do BNG, advertiu que é fundamental que se cumpran os acordos acadados para futuras negociacións, como a do orzamento de 2025.

Finalmente, as outras dúas mocións presentadas polo BNG foron aprobadas por unanimidade. Unha delas, defendida por Mercedes Queixas, pedía un cambio de rumbo na política cultural do Concello, mentres que a segunda, exposta por Jorquera, reclamaba reforzar o arquivo municipal, que se atopa colapsado debido á falta de persoal técnico.

0.19583892822266