O pincho mariñeiro prende en Miño con máis de 3.500 degustacións na súa estrea

ACoruñaXa
A primeira ruta gastronómica dedicada ao produto do mar pechou con máis de 1.700 votacións e coa hostalería local xa pendente dunha segunda edición
MIÑO ruta pincho
20 Apr 2026

A primeira Ruta do Pincho Mariñeiro de Miño pechou cun balance que confirma a boa resposta do público á nova proposta gastronómica do municipio. Ao longo das xornadas do venres 17 e do sábado 18 de abril vendéronse máis de 3.500 pinchos nos 13 establecementos participantes, nunha estrea que serviu para dinamizar os locais e atraer tanto veciñanza como visitantes.

A cita, impulsada polo Concello de Miño xunto coa hostalería local, naceu co obxectivo de poñer en valor os produtos do mar da contorna a través de elaboracións coidadas e creativas. A convocatoria xa chegaba avalada por unha ampla participación, cun formato de dous días e 13 negocios repartidos polo municipio, dentro do programa 'Cociña Mariñeira', promovido para reforzar a gastronomía local arredor do produto mariñeiro.

O público non só respondeu nas barras, senón tamén nas votacións. Rexistráronse máis de 1.700 valoracións, un dato que evidencia a implicación das persoas asistentes nunha ruta que converteu cada consumición nunha pequena competición gastronómica. O pincho máis votado foi Langostino Crocante con Maio de Pimentón, do establecemento El Puerto, con 351 apoios. O segundo posto foi para Viche Golf Miño, do Restaurante Miño Golf Club, con 332 votos, mentres que a terceira praza recaeu en Corvina-Oliva-Framboesa, do Restaurante Savi, con 220.

O resultado deixa tamén satisfeitos aos hostaleiros, que xa ven nesta iniciativa unha oportunidade para consolidar unha nova cita no calendario local. O ambiente xerado nos negocios e a resposta do público alimentan a opción de darlle continuidade a unha fórmula que, ademais de promocionar o consumo de produto de proximidade, reforza a imaxe de Miño como destino gastronómico.

A ruta puxo o peche ao programa 'Cociña Mariñeira', unha iniciativa municipal orientada a promocionar os produtos do mar e a mellorar a formación do sector hostaleiro co apoio do GALP Golfo Ártabro Norte a través dos fondos FEMPA. Desde o Concello destacan precisamente esa colaboración entre administración e empresarios como unha das claves dun debut que deixa bo sabor de boca e abre a porta a novas edicións.

0.13842296600342