O Pazo de Meirás queda inscrito definitivamente como patrimonio público e Sada pide abrir unha nova etapa

O Pazo de Meirás xa figura de forma definitiva como patrimonio público. O Xulgado ordenou este mércores inscribir a nome do Estado todas as fincas e edificacións que conforman o recinto e cancelar os asentos rexistrais que aínda permanecían a nome da familia Franco, culminando así o proceso iniciado despois de que o Tribunal Supremo confirmase definitivamente a titularidade pública do Pazo de Meirás.
O Concello de Sada celebrou este novo paso e lembrou que non se trata dunha nova resolución sobre a propiedade do inmoble, senón da execución rexistral dunha sentenza xa firme. Para o goberno local, unha vez pechada definitivamente a cuestión da titularidade, tanto no ámbito xudicial como no rexistral, chega o momento de abrir unha nova etapa centrada na recuperación e posta en valor do conxunto.
Nese sentido, o executivo sadense insistiu en que é necesario avanzar cara á apertura completa e estable do Pazo á cidadanía. De feito, o Concello xa reclamara o pasado mes de maio a activación da cooperación entre as distintas administracións para definir o futuro uso de Meirás, unha petición que agora volve reiterar tras completarse a inscrición rexistral.
O Concello defende que o seguinte paso debe ser artellar unha actuación coordinada entre o Estado, a Xunta e as administracións implicadas para garantir a conservación e o mantemento do inmoble, así como impulsar un proxecto que converta Meirás nun espazo de referencia internacional para a memoria democrática.
Ao mesmo tempo, considera que o futuro uso do Pazo debe compatibilizar a divulgación do espolio sufrido durante a ditadura, da represión franquista e da loita cidadá que permitiu recuperar o inmoble para o patrimonio público coa recuperación da figura, da obra e do legado cultural de Emilia Pardo Bazán, impulsora da construción do edificio.
O alcalde de Sada, Benito Portela, lembrou ademais que o municipio debe ter unha participación activa nas decisións sobre a futura xestión do Pazo. "O reto que temos agora por diante é conseguir que esta vitoria xudicial e democrática se traduza nun Pazo plenamente público, aberto e digno da súa historia. Meirás debe converterse nunha referencia mundial da dignidade democrática", concluíu.