O Parlamento reclama máis policías para A Coruña ante o aumento da criminalidade

ACoruñaXa
A iniciativa do PPdeG pide ao Goberno central un informe sobre as necesidades de persoal e medios e un calendario para cubrir as vacantes na Policía Nacional
agente-policia-nacional-recurso
30 Sep 2026

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha iniciativa do Grupo Popular que reclama ao Goberno central medidas urxentes para reforzar os recursos humanos e materiais das forzas de seguridade en A Coruña. A proposta chega no marco das críticas pola evolución da criminalidade na cidade e polas condicións nas que, segundo os populares, desenvolven o seu traballo os axentes.

Durante a súa intervención na Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, a deputada do PPdeG Nazareth Cendán puxo o foco nos datos de criminalidade rexistrados na cidade e reclamou unha maior dotación de efectivos, así como a mellora dos medios dispoñibles.

Segundo os datos aos que fixo referencia o Grupo Popular, a criminalidade acumulada na Coruña aumentou máis dun 19% entre 2019 e 2025. Os populares sinalaron tamén incrementos especialmente destacados nalgúns tipos delituosos durante ese período, entre eles os homicidios e asasinatos, as pelexas con armas ou obxectos contundentes e determinados delitos contra a liberdade sexual.

O Ministerio do Interior utiliza para estas estatísticas os datos achegados pola Policía Nacional, a Garda Civil e os corpos de Policía Local que participan no Sistema Estatístico de Criminalidade.

Máis efectivos e mellores medios

A iniciativa aprobada polo Parlamento reclama ao Executivo central a elaboración dun informe urxente que identifique as necesidades de persoal e medios na cidade. Tamén solicita establecer un calendario para cubrir as vacantes e reforzar os recursos materiais e loxísticos das dependencias policiais.

Cendán denunciou durante o debate as condicións de traballo dos axentes e cuestionou o estado dalgunhas infraestruturas policiais. Entre elas citou o complexo policial de Lonzas, que, segundo os populares, presenta carencias que deberían ser abordadas.

A deputada tamén reclamou a creación de novas unidades especializadas para facer fronte ás novas formas de delincuencia, con especial atención aos delitos cometidos no ámbito dixital e aos ciberdelitos.

A proposta inclúe ademais a petición dunha coordinación permanente entre o Goberno central, o Concello da Coruña e o resto das administracións implicadas, co obxectivo de realizar un seguimento da evolución da seguridade na cidade e adaptar os recursos ás necesidades detectadas.

O Grupo Popular tamén puxo sobre a mesa os datos do primeiro semestre de 2026 que, segundo a súa interpretación, apuntan a novos incrementos en determinados delitos, como as lesións e pelexas, os roubos con violencia, o tráfico de drogas e os roubos en domicilios. Estas cifras foron utilizadas pola formación para reclamar un reforzo dos medios policiais.

0.14733815193176