O Orgullo LGTBI+ volverá encher as rúas da Coruña o 28 de xuño

A manifestación do Orgullo LGTBI+ celebrarase na Coruña o vindeiro 28 de xuño ás 19.30 horas. A mobilización, convocada por ALAS A Coruña, sairá da praza de Ourense e rematará na praza de María Pita, onde terá lugar a lectura do manifesto.
A marcha desenvolverase baixo o lema 'Ás rúas con Orgullo! Disidencia e resistencia', unha chamada á visibilidade, á diversidade e á defensa dos dereitos das persoas LGTBI+ fronte aos discursos de odio, os intentos de retroceso e as discriminacións que aínda persisten.
ALAS A Coruña anima á cidadanía, colectivos, entidades e institucións comprometidas cos dereitos humanos a sumarse a unha xornada reivindicativa que busca encher as rúas de orgullo, diversidade e resistencia.
A presidenta da entidade, Sara Crespo, destacou que o Orgullo segue a ser 'unha ferramenta imprescindible para visibilizar a diversidade e reivindicar os nosos dereitos'. Tamén lembrou que a mobilización serve para celebrar os avances acadados, pero tamén para advertir de que aínda queda camiño por percorrer.
Desde a asociación subliñan que o Orgullo é unha celebración, mais tamén un acto de reivindicación e compromiso cunha sociedade máis libre, igualitaria e inclusiva.