O 'Orgullo do Norte' terá carroza propia por primeira vez no Pride de Torremolinos

O Atlantic Pride da Coruña dará este ano un novo paso fóra de Galicia coa súa participación, por primeira vez, no Pride de Torremolinos, unha das celebracións do Orgullo LGTBIQ+ máis destacadas do calendario estatal. O festival coruñés, coñecido como o 'Orgullo do Norte', contará cunha carroza propia no desfile que percorrerá a localidade malagueña o sábado 6 de xuño.
A presenza galega en Torremolinos enmárcase na edición de 2026 do Pride, que se celebra do 26 de maio ao 6 de xuño baixo o lema 'Donde se siembra cultura, florece la libertad'. A cita, que na súa anterior edición reuniu máis de 100.000 persoas segundo a organización coruñesa, converterase así tamén nun escaparate para o Atlantic Pride e para a súa maneira de reivindicar a diversidade desde a música, a festa e a participación aberta.
A Asociación Orgullo Coruña (ORCO), impulsora do Atlantic Pride, considera esta estrea unha oportunidade para levar 'un pedaciño da Coruña, de Galicia e do noso Orgullo do Norte' a unha das celebracións LGTBIQ+ máis importantes do país. A entidade destaca tamén o valor de crear lazos entre territorios, colectivos e cidades que comparten unha mesma defensa da liberdade, a diversidade e a convivencia.
A organización convida todas as persoas que teñan previsto desprazarse ao Pride de Torremolinos a subirse á carroza galega. As inscricións poden formalizarse a través da web do Atlantic Pride.