O OMYX de Cambre promove un intercambio de disfraces de Entroido

ACoruñaXa
O intercambio de disfraces estará dispoñible ata o venres, 16 de febreiro, ás 20.00 horas na casa Arrigada. As pezas entregadas deberán estar en boas condicións
Cambre Entroido
Cambre Entroido
6 feb 2024

A Oficina Municipal de Información Xuvenil de Cambre (OMIX) pretende estimular a sustentabilidade e o uso de materiais reciclados para as festas de Entroido. Tras a boa acollida nas últimas edicións dos Entroidos e do Samaín, o departamento puxo en marcha o seu intercambio de disfraces, unha iniciativa coa que buscan dar unha nova vida a estas vestimentas. A proposta estará dispoñible ata o venres, 16 de febreiro, ás 20.00 horas en casa Arrigada.

O obxectivo desta iniciativa é promover a reciclaxe destas pezas. E é que o 85 % destes traxes utilízanse só unha vez e logo adoitan tirarse. A proposta está aberta á participación de veciños e veciñas de todas as idades, que poderán doar traxes completos, disfrace sen accesorios ou entregar só estes últimos. En todo caso, deberán estar en boas condicións (limpos e sen remendos).

As persoas que tomen parte nesta iniciativa recibirán un vale de cambio que, posteriormente, poderán empregar para facer efectivo o trueque. Por cada peza doada entregarase un vale que poderá utilizarse nas datas de intercambio.

Oferta de actividades de Entroido

O intercambio de disfraces non é a única actividade que a OMIX organiza con motivo do Entroido. As propostas comezarán este venres, 9 de febreiro, coas Tardes de Entroido de Arrigada e Palmeiras (de 18.00 a 20.00 horas).

O luns, 12 de febreiro, levarán a cabo dous talleres de repostería, un de orellas en Arrigada (de 11.30 a 13.30 horas) e outro de filloas en Palmeiras (de 18.00 a 20.00 horas). A programación de Entroido concluirá cunha tarde de preparación para o Entroido Pequeno Máis Grande do Mundo o venres, 16 de febreiro (de 18.00 a 20.00 horas, en Arrigada e Palmeiras).