O novo centro de saúde e a futura depuradora de Carral avanzan cun investimento de 800.000 euros

ACoruñaXa
O Goberno local levará ao pleno unha modificación de crédito para adquirir terreos, mellorar instalacións deportivas e redactar proxectos estratéxicos para o municipio
JOSE LUIS FERNANDE MOURIÑO
29 Jul 2026

O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, proporá no pleno ordinario deste xoves destinar 781.660,30 euros do remanente de tesourería a impulsar unha serie de actuacións que o Goberno local considera estratéxicas para o futuro do municipio. A proposta inclúe a adquisición de terreos, a mellora do Complexo Deportivo de Carral e a redacción de proxectos para futuras infraestruturas.

Unha das actuacións máis relevantes será a compra dunha parcela en Paleo, á que se destinarán 280.738,14 euros, co obxectivo de facilitar a construción do futuro centro de saúde. Ademais, o Concello prevé adquirir outros terreos en Tabeaio, Sergude, a área recreativa da Brexa e unha carballeira centenaria en Cañás, destinados a ampliar os equipamentos e espazos públicos municipais.

A proposta tamén reserva 223.850 euros para redactar o proxecto da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) do Quenllo, unha infraestrutura considerada prioritaria para mellorar o saneamento no municipio. A maiores, inclúe unha partida de 60.000 euros para elaborar os proxectos que Carral presentará ao POS 2027 da Deputación da Coruña.

No ámbito deportivo, o Goberno local prevé investir 124.938,91 euros na renovación de maquinaria e equipamento do Complexo Deportivo de Carral.

Na mesma sesión plenaria tamén se abordará a proposta de actuacións que o Concello presentará ao POS Adicional 2.ª fase da Deputación da Coruña, cun investimento de 434.901,63 euros. As obras previstas inclúen a mellora das beirarrúas da rúa Belvís, en Paleo, a renovación do firme na Abrigosa, actuacións de pavimentación, drenaxe e recollida de pluviais en Novás e a mellora da rúa da Chousa.

Segundo destacou o alcalde, estas actuacións permitirán avanzar na execución de proxectos considerados fundamentais para o desenvolvemento de Carral e mellorar tanto as infraestruturas como os servizos públicos do municipio.

0.11957907676697