O novo balneario de Arteixo abrirá as súas portas á veciñanza antes da inauguración

ACoruñaXa
O Concello prevé organizar xornadas de portas abertas cando rematen as obras e fixa para decembro a apertura oficial do complexo
balneario-arteixo
8 Jun 2026

O Concello de Arteixo prepara xornadas de portas abertas para que a veciñanza poida coñecer as novas instalacións do balneario unha vez que rematen os traballos de rehabilitación. A previsión do goberno local é que todo o complexo estea completamente finalizado e amoblado antes de que remate o ano, coa inauguración prevista para o mes de decembro.

As obras avanzan actualmente na sala de baños e nas dúas últimas plantas do edificio, onde se habilitarán novos espazos de uso público. O proxecto inclúe unha biblioteca, salas de estudo e un espazo 'maker' tecnolóxico, co obxectivo de converter o inmoble nun equipamento aberto á cidadanía e con servizos vinculados ao lecer, á formación e á innovación.

Durante os meses de xullo e agosto realizaranse as analíticas e os controis dos condutos para garantir a salubridade e a máxima calidade da auga termal. Este proceso será un dos pasos previos á posta en marcha do servizo, que recuperará o aproveitamento das augas do histórico balneario.

De forma paralela, o Concello iniciará a licitación do contrato para adxudicar a xestión das instalacións á empresa que se encargará do funcionamento do balneario co seu propio persoal.

A recuperación deste espazo emblemático conta cun investimento próximo aos catro millóns de euros, procedentes de fondos Next Generation e da achega da Fundación Amancio Ortega. A actuación culminará a transformación dun dos inmobles máis representativos de Arteixo e abrirá unha nova etapa para o seu uso veciñal, social e termal.

0.12118196487427