O Mosteiro de San Salvador revive o seu pasado medieval cunha cea para conmemorar os 900 anos do seu primeiro documento conservado

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo converteuse este xoves 23 de xullo no escenario central da conmemoración do seu 900 aniversario coa celebración dunha Cea Medieval, unha das principais actividades do programa especial "900 Anos de memoria en pedra". A iniciativa reuniu a 120 persoas no claustro do convento, que se caracterizaron con vestiario de época para recrear o ambiente histórico do antigo cenobio.
A xornada celebrouse coincidindo coa data na que se cumpren exactamente nove séculos desde que, o 23 de xullo de 1126, a condesa Maior Roderici, pertencente á Casa de Traba, emitiu o primeiro documento escrito conservado do mosteiro. Este pergamiño consérvase na actualidade na Real Academia Galega.
A programación comezou ás 18.00 horas coa representación teatral Reino de Galicia a escena, da compañía Galeatro, que recreou os acontecementos relacionados coa figura da condesa e coa redacción dese documento histórico. A función congregou a 160 espectadores.
Xa ás 21.30 horas deu comezo a cea medieval no claustro do mosteiro. As 120 persoas asistentes participaron na recreación histórica vestidas con traxes de época, moitos deles alugados previamente a través do servizo habilitado polo Concello nos días anteriores.
O menú estivo composto por churrasco e cabrito ao espeto, cunha alternativa adaptada para o público infantil. A velada contou tamén coa actuación en directo do grupo Pansenfron, encargado da ambientación musical.
Durante toda a tarde e a noite desenvolveuse ademais un programa de animación dirixido ao público infantil, con obradoiros e xogos populares para facilitar a participación das familias.
Desde o goberno local destacaron a elevada participación e a boa acollida da iniciativa, salientando que o claustro do Mosteiro de San Salvador e a implicación das persoas asistentes contribuíron a converter esta celebración nunha das citas máis destacadas da programación do 900 aniversario.