O mosteiro de San Salvador de Bergondo acolle este xoves unha cea medieval polo seu 900 aniversario

O Concello de Bergondo celebrará este xoves unha cea medieval no Mosteiro de San Salvador con motivo da conmemoración do 900 aniversario do cenobio. A actividade enmárcase na programación especial organizada baixo o lema "900 Anos de memoria en pedra", dedicada a lembrar os nove séculos de historia do monumento.
A cea dará comezo ás 21.30 horas e desenvolverase no claustro do mosteiro. As persoas asistentes, que debían inscribirse previamente, foron convidadas pola organización a acudir vestidas con indumentaria de época para contribuír á ambientación da xornada.
A velada contará coa actuación en directo do grupo Pansenfron, encargado de poñer o acompañamento musical á celebración, que tamén incluirá xogos populares.
A programación arrancará previamente, ás 18.00 horas, cunha visita teatralizada ao mosteiro, seguida da representación da obra “Reino de Galicia a escena”, a cargo da compañía Galeatro.
O Concello lembra que esta actividade teatral é independente da cea, polo que as persoas interesadas poderán asistir unicamente á visita e á representación sen necesidade de participar posteriormente no banquete medieval.