O Monte de San Pedro na Coruña xa conta co "mellor banco do mundo"

ACoruñaXa
A colocación do elemento, feito de plástico reciclado, enmárcase na semana do Medio Ambiente, coincidindo co día previo ao día dos Océanos
Imaxe da presentación do _mellor banco do mundo_ na Coruña
Imaxe da presentación do mellor banco do mundo na Coruña
8 jun 2024

A cidade da Coruña xa ten o seu "mellor banco do mundo". A alcaldesa, Inés Rey, presentou este venres xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, a renovación do Miradoiro de San Pedro que nas vindeiras semanas contará tamén cunha nova senda peonil accesible e mobiliario urbano. No lugar, que conta cunhas vistas privilexiadas do océano, instalouse un banco coas cores do arco da vella, “o mellor banco do mundo”, segundo a alcaldesa, pola súa excepcional situación.

A rexedora explicou que esta acción súmase ás iniciativas postas en marcha dende o pasado mandato para a visibilidade do colectivo LGTBIQ+, co paso de peóns da rúa Durán Loriga ou os novos contedores de lixo. Pola súa parte, Díaz explicou que a colocación do elemento, feito de plástico reciclado, enmárcase na semana do Medio Ambiente, coincidindo co día previo ao día dos Océanos. Na presentación tamén estiveron Teresa Pastor, profesora do IES Eusebio da Guarda e ideadors da iniciativa, xunto con representantes das asociacións LGTBIQ+ da cidade.

O miradoiro, localizado no interior do parque, estaba formado por dous bancos dende os que se observaba o Golfo Ártabro. Os bancos presentaban diferentes defectos provocados pola súa exposición á climatoloxía, polo que o Concello decidiu retiralos e trasladalos ao taller para a súa restauración e posterior reutalización noutro punto do parque.

No seu lugar, instalouse este novo elemento. Un único banco de maior lonxitude, en torno a tres metros de longo, que levas as cores do arco da vella en representación da bandeira do colectivo LGTBI. Ademais, inscribiuse nun dos taboleiros do respaldo “O mellor banco do mundo”. A alcaldesa e a concelleira explicaron que o obxectivo é que a xente o fotografe e comparta dando a coñecer o Miradoiro do Monte de San Pedro.

Ademais, como parte da intervención, nos vindeiros día executarase unha plataforma de observación para completar o espazo e crearase unha nova senda peonil para garantir a correcta accesibilidade ao miradoiro para as persoas que visitan o parque. Conectará o miradoiro co viario máis próximo do parque, instalando dous paneis con total accesibilidade e inclusión social de todos os grupos de poboación: un no entronque da nova senda, con indicacións da localización e dirección cara ao novo banco; e outro na propia plataforma do miradoiro de carácter divulgativo, con información xeográfica e natural do Golfo Ártabro.

Esta reforma, enmarcada no plan para a reforma e mellora da accesibilidade nos miradoiros da cidade, é financiada ao 90% con fondos Next Generation froito da liña de axudas de Turismo de Galicia para fomentar o turismo inclusivo no litoral. O Goberno de Inés Rey avanza así na posta en valor do Parque Natural, á que se sumará a renaturalización do estanque así como a reforma do ascensor.