O metal mantén o pulso nas rúas e prepara unha marcha provincial de Oleiros á Coruña

O conflito do metal na provincia da Coruña continúa a escalar. Tras unha primeira xornada de paro este martes, o sector mantivo este mércores as mobilizacións en distintos puntos da provincia para reclamar un convenio colectivo con melloras laborais e sociais. A folga, convocada polos sindicatos, afecta a un sector clave que agrupa arredor de 18.000 persoas traballadoras na provincia.
A protesta volveu ter presenza nos principais focos industriais, con mobilizacións en Ferrol, Compostela e Carballo. En Ferrol, a actividade industrial quedou moi condicionada, especialmente no ámbito de Navantia e da industria auxiliar, onde os sindicatos destacaron un elevado seguimento do paro.
As centrais sindicais acusan á patronal de manter bloqueada a negociación do convenio e de non fixar un calendario real de reunións para avanzar nun acordo. Un dos puntos que máis tensión xera é a posibilidade de que as melloras pactadas non teñan carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro, algo que os representantes do persoal consideran unha liña vermella porque suporía romper unha dinámica habitual na negociación do sector.
A parte social reclama un convenio que recolla avances en salarios, redución de xornada, seguridade laboral, limitación da precariedade, regulación da subcontratación e melloras nas condicións das baixas. A patronal puxo sobre a mesa unha proposta de incremento salarial do 12% en cinco anos, xunto con outras medidas, pero os sindicatos consideran que a oferta segue sen responder ás necesidades do persoal.
O calendario de mobilizacións continuará este xoves cunha manifestación provincial que partirá ás 12.00 horas da avenida das Mariñas, en Perillo (Oleiros). A marcha cruzará a ponte da Pasaxe, continuará por Alfonso Molina e Linares Rivas e rematará diante da sede da patronal, na praza de Luís Seoane, na Coruña.
Os sindicatos advirten de que o conflito pode prolongarse se non hai avances. As asembleas de traballadores xa aprobaron novas xornadas de folga para os días 16, 17 e 30 de xuño e 2 de xullo no caso de que a patronal non presente unha proposta que permita retomar a negociación con garantías.
A mensaxe que chega desde o sector é clara: o persoal non quere que a negociación se alongue durante todo o ano mentres medran os prezos e se perde poder adquisitivo. Por iso, a folga continúa este xoves cunha mobilización chamada a concentrar a protesta provincial na Coruña.