A folga do metal intensifícase cunha marcha provincial de Oleiros á Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
O sector do siderometal mantén tres días de paro para reclamar un convenio con melloras laborais e sociais ante o bloqueo da negociación coa patronal
A CORUÑA folga metal 27.05.2026
10 Jun 2026

O sector do siderometal da provincia da Coruña iniciou este martes a primeira das tres xornadas consecutivas de folga convocadas para reclamar un convenio colectivo con melloras reais nas condicións laborais e sociais. A mobilización continuará este mércores e o xoves, cando está prevista unha marcha provincial que partirá de Perillo, en Oleiros, e rematará na Coruña.

A central CIG-Industria cualificou de masivo o seguimento do paro e destacou tamén a participación do persoal nos piquetes informativos e nas mobilizacións realizadas na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela. A protesta chega nun momento de forte tensión na negociación, coa parte social acusando a patronal de manter bloqueadas as conversas e de ameazar con eliminar o carácter retroactivo do convenio.

O voceiro da CIG-Industria na Coruña, Eduardo Caamaño, sinalou que existe unha conciencia ampla no sector sobre a necesidade de pechar un novo convenio. 'Hai moita conciencia de que este sector necesita un convenio, e iso é o que están a demandar as traballadoras e os traballadores con estes tres días de folga', afirmou.

Segundo explicou o sindicato, a representación social solicitou á patronal un calendario áxil de reunións para avanzar na negociación, pero polo momento non hai ningún encontro fixado. A CIG considera especialmente grave a posibilidade de que o convenio só se aplique desde o día da súa sinatura e non desde o 1 de xaneiro, como viña acontecendo en negociacións anteriores.

Para Caamaño, esa proposta suporía unha perda importante para o persoal. O representante sindical cualificouna de 'provocación' e advertiu de que, se non hai unha oferta que poida ser estudada, as mobilizacións continuarán. As asembleas de traballadores xa aprobaron novas xornadas de folga para os días 16, 17 e 30 de xuño e 2 de xullo.

A parte social acusa a patronal de ter 'secuestrada' a negociación colectiva e lamenta que, tras recibir hai catro meses a plataforma sindical, siga sen presentar avances suficientes. Tamén critica a suspensión unilateral das reunións previstas a semana pasada, sen propoñer un novo calendario.

A folga continuará este mércores 10 de xuño con mobilizacións en distintos puntos da provincia. En Carballo, a manifestación sairá ás 12.00 horas desde o polígono industrial ata a Praza do Concello. En Santiago, partirá á mesma hora desde o polígono do Tambre ata o edificio da Xunta en San Caetano. En Ferrol, a marcha sairá tamén ás 12.00 horas desde a porta principal de Navantia ata o peirao.

O xoves 11 de xuño celebrarase a mobilización provincial, cunha manifestación que sairá ás 12.00 horas da avenida das Mariñas, en Perillo. O percorrido cruzará a Ponte Pasaxe, continuará por Alfonso Molina e Linares Rivas e rematará diante da sede da patronal, na praza de Luís Seoane, na Coruña.

0.10133481025696