O mercado do alugueiro, a exame na Mesa Sectorial de Vivenda coa ollada posta nos últimos datos oficiais

O Concello da Coruña celebrou este venres unha nova sesión da Mesa Sectorial de Vivenda, o foro no que se sentan representantes institucionais, colexios profesionais, entidades sociais, asociacións empresariais e colectivos veciñais para analizar o estado do mercado residencial na cidade e compartir propostas de actuación.
A reunión estivo presidida polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, quen puxo en valor este espazo estable de diálogo como ferramenta para “compartir diagnósticos rigorosos, analizar datos obxectivos e seguir avanzando en solucións coordinadas que garantan o dereito a unha vivenda digna”.
Un dos puntos centrais da sesión foi a revisión dos últimos datos do Observatorio Galego da Vivenda. Segundo esas cifras, en xaneiro de 2026 o importe medio das fianzas baixou un 5,2% con respecto ao mesmo mes do ano anterior e un 7% en comparación con decembro de 2025. Tamén se abordou a evolución do número de fianzas depositadas, nun contexto no que a tendencia é semellante no conxunto das cidades galegas.
Díaz Gallego pediu interpretar estes datos con prudencia, aínda que apuntou que poderían indicar unha certa moderación tras os incrementos rexistrados nos últimos anos. Nesa liña, reiterou o compromiso do Goberno municipal coa mobilización de solo público, a promoción de vivenda protexida e o reforzo da colaboración entre administracións.
A participación de entidades sociais e profesionais, xunto con persoal técnico municipal, consolidou de novo a Mesa Sectorial como un espazo de traballo permanente para afrontar un dos retos sociais máis sensibles na Coruña: garantir o acceso a unha vivenda en condicións asumibles.