O mercado de San Agustín acolle unha xornada gastronómica con produtos da lonxa coruñesa

ACoruñaXa
O evento, aberto á cidadanía, incluirá a presentación do selo ‘Peixe da Lonxa da Coruña’ e unha degustación de receitas elaboradas pola Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro
Imaxe do mercado de San Agustín na Coruña
29 Nov 2024

O Concello da Coruña, en colaboración coa Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS), organiza mañá, sábado 30 de novembro, unha xornada gastronómica e divulgativa no mercado municipal de San Agustín. O evento desenvolverase no primeiro andar do recinto, entre as 12:00 e as 14:00 horas, e estará aberto ao público ata completar aforo.

A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, invitou á cidadanía a participar e destacou a relevancia destas iniciativas: “Este tipo de actos axudan a visibilizar e poñer en valor os nosos produtos, frescos e de alta calidade”.

Presentación do selo ‘Peixe da Lonxa da Coruña’

A xornada comezará coa presentación do selo de orixe ‘Peixe da Lonxa da Coruña’, impulsado pola FREMSS en colaboración co Concello. Este distintivo busca identificar e promocionar os peixes e mariscos que chegan diariamente ao porto da cidade, subliñando o seu orixe e frescura.

Degustacións gastronómicas con selo local

Tras a presentación, levarase a cabo unha sesión de degustación organizada por profesionais da Escola de Hostalería Álvaro Cunqueiro e da Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña. Entre as propostas culinarias destacan:

  • Rilletes de xarda sobre tostas de pan con noces e pasas.
  • Uramaki, maki e temaris elaborados con xurelo.
  • Bocadillos quentes de ensalada de repolo con mexillóns en escabeche.
  • Outras receitas que poñen en valor os produtos da lonxa.

Representación institucional

Está prevista a participación da concelleira Diana Cabanas e do presidente da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, que reforzarán a importancia deste evento para promocionar os produtos do mar coruñeses.

0.16804003715515