O Mercado das Nubes de Nadal volve á Coruña co seu programa máis completo

ACoruñaXa
Do 20 ao 22 de decembro, a praza de San Agustín énchese de cor, música, gastronomía e propostas creativas para todos os públicos
Imaxe do mercado de San Agustín na Coruña
18 Dec 2024

cartel mercado das nubes nadalcartel mercado das nubes nadal

Do 20 ao 22 de decembro, a Praza de San Agustín converterase no escenario dunha nova edición do Mercado das Nubes de Nadal, que promete ser máis participativo e entretido ca nunca. Este evento urbano, centrado no consumo responsable e sostible, reúne a máis de 65 marcas, emprendedores, artistas e artesáns locais, ofrecendo unha ampla diversidade de propostas que destacan pola súa creatividade, ecoloxía e proximidade.

A oferta inclúe unha gran variedade de produtos, como roupa de deseño, complementos, ilustracións, cosmética natural, decoración, gastronomía gourmet e mesmo artesanía solidaria. Ademais, esta edición contará cunha zona infantil permanente, para que os máis pequenos tamén poidan gozar da experiencia.

Música e gastronomía para todos os gustos

O programa do Mercado incluirá actuacións musicais en sesións vermú e tardeo. O venres 20 de decembro, Diana Pombo abrirá o evento cun concerto ás 19:00 horas. O sábado 21, Erik Leipeich estrearase na sesión vermú ás 13:45 horas, seguido por Javi Regueiro, que amenizará o tardeo ás 18:30 horas. O domingo 22 comezará con villancicos da Agrupación Musical Albéniz ás 12:00 horas, e rematará cun clásico do Mercado, Edu Calvario, que actuará na sesión vermú desde as 13:45 horas.

Na parte gastronómica, Estrella Galicia ofrecerá as súas Maridaxes KmC, colaborando cos cociñeiros da Asociación Coruña Cocina. O sábado, Chisco Jiménez (Culuca) presentará uns Callos entre as 13:00 e as 14:30 horas, mentres que o domingo, Quique Vázquez e Ana Señarís (Terreo Cocina Casual) sorprenderán co seu Hachi Parmentier no mesmo horario.

Un espazo para o talento e a creatividade

O mercado tamén contará con propostas artísticas e culturais, como a fotografía do século XIX de Lab on Wheels, as caricaturas de Jorge Blanco e obras dos pintores Elchano e Mosquera. Tamén haberá espazos para comprar, vender ou trocar artigos no Surf Club/Surf Swap.

O Mercado das Nubes de Nadal abrirá as súas portas o venres 20 de decembro, de 17:00 a 21:00 horas, o sábado 21 de 11:00 a 21:00 horas, e o domingo 22 de 11:00 a 20:00 horas. Unha oportunidade única para mercar agasallos sostibles e apoiar o talento local nesta tempada festiva.

cartel mercado das nubes nadal
0.83414793014526