O litoral de Arteixo convértese nunha aula aberta cos obradoiros mariñeiros de Sorrizo

O Concello de Arteixo iniciará o vindeiro mércores, 3 de xuño, o programa de obradoiros ambientais e mariñeiros do Centro Mar de Sorrizo, unha iniciativa formada por dez actividades gratuítas centradas na divulgación, a conservación e a posta en valor do patrimonio litoral do municipio.
A programación desenvolverase ata o 25 de setembro e incluirá propostas prácticas e participativas dirixidas a públicos de todas as idades. O proxecto conta co patrocinio do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura e da Consellería do Mar, a través das axudas xestionadas polo GALP Golfo Ártabro Sur.
O ciclo busca achegar á cidadanía o coñecemento da costa arteixá a través de actividades relacionadas coa interpretación do patrimonio mariñeiro, a conservación dos ecosistemas, a xestión de residuos, o aproveitamento creativo do lixo mariño e a creación de experiencias ecoturísticas sostibles.
Os obradoiros celebraranse durante os meses de xuño, xullo e setembro no Centro Mar de Sorrizo e na súa contorna. Cada actividade terá unha duración aproximada de entre dúas e dúas horas e media, combinando pequenas sesións divulgativas con saídas de campo, percorridos interpretativos, recollidas de residuos e dinámicas sobre o terreo.
A programación arrancará co obradoiro 'As invasoras do litoral', centrado na identificación de especies exóticas invasoras presentes na costa galega e nos seus efectos sobre os ecosistemas. Tamén se desenvolverá 'Historias mariñeiras', unha actividade que unirá natureza, memoria e patrimonio coincidindo coa celebración do Día Mundial dos Océanos.
O programa inclúe ademais dous obradoiros sobre lixo mariño, que terán lugar en Sorrizo e Repibelo. Neles, as persoas participantes realizarán recollidas e clasificación de residuos reais para reflexionar sobre os hábitos de consumo, o impacto dos refugallos no mar e a importancia de protexer os espazos costeiros.
Outra das propostas será 'Mergúllate no mundo dos mamíferos mariños I', dedicada ao coñecemento de baleas, golfiños, focas e outras especies habituais das costas galegas. Esta actividade tamén ofrecerá nocións básicas sobre como actuar ante posibles varamentos.
Con esta iniciativa, o Concello de Arteixo reforza a súa aposta pola educación ambiental e pola divulgación do patrimonio mariñeiro local. As actividades serán gratuítas, aínda que será necesario inscribirse con 48 horas de antelación a través da ligazón habilitada pola organización.