O IES de Viós renovará a pista polideportiva cun investimento de máis de 96.000 euros

O Concello de Abegondo dará un novo paso na mellora das infraestruturas educativas do municipio coa renovación do pavimento da pista polideportiva do IES de Viós. A actuación contará cun investimento total de 96.625,14 euros e estará cofinanciada con fondos municipais e unha subvención da Xunta de Galicia.
Do orzamento previsto, 40.000 euros proceden dunha axuda autonómica destinada á mellora das infraestruturas municipais, mentres que o importe restante será asumido polo Concello.
O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, destacou que o obxectivo desta actuación é que "as dependencias estean nas mellores condicións posibles para a práctica deportiva tanto por parte do alumnado do centro de ensinanza como por parte dos clubs asentados no municipio".
Segundo explicou o rexedor, a concesión da subvención responde ao traballo realizado polo Goberno local para atender as necesidades trasladadas pola comunidade educativa. "Unha vez coñecidas as necesidades, analizamos as distintas vías para facer realidade estas peticións e traballamos para conseguir esta axuda", afirmou.
Santiso tamén puxo en valor a colaboración entre administracións para facer posible este tipo de investimentos, asegurando que este proxecto volve demostrar que a cooperación institucional redunda nun beneficio directo para a veciñanza.
Os traballos consistirán na renovación integral do firme da pista polideportiva, adaptándoo ao uso continuado que recibe tanto durante a actividade lectiva como nas actividades deportivas desenvolvidas polos clubs do municipio.
Esta actuación súmase ás melloras executadas recentemente no propio instituto. Nos últimos meses renovouse por completo a biblioteca, cun investimento próximo aos 60.000 euros que permitiu dotar este espazo de novo mobiliario adaptado ao estudo e á lectura. Ademais, tamén se reformou o auditorio, onde se substituíron os asentos e as persianas por novos estores e incorporáronse atrís e outros elementos para ampliar as prestacións da instalación.