O grupo Fillas de Cassandra actuará esta semana no Festigual

ACoruñaXa
O dúo galego ofrecerá un concerto acústico de balde este mércores no Centro Sociocultural Ágora, acompañadas por Chungo Pastel
Fillas-de-Cassandra
25 Nov 2024

Esta semana remata o Festigual, o festival de arte e cultura inclusiva máis relevante do noroeste, promovido polo Concello da Coruña. Dende o pasado 30 de outubro, o evento ofreceu unha programación variada que inclúe teatro, música, danza, exposicións e actividades para todas as idades.

Un dos actos máis destacados será o concerto de Fillas de Cassandra, que terá lugar este mércores 27 de novembro, ás 20:00 horas, no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. O dúo estará acompañado por Chungo Pastel, e o espectáculo será de balde ata completar capacidade.

Fillas de Cassandra, formado por Sara Faro e María Soa, é un dos conxuntos máis recoñecidos da escena musical en galego, mentres que Chungo Pastel representa o talento do grupo musical da Fundación Igualarte. Ambos ofrecerán unha experiencia única que mestura tradición e modernidade, cun formato accesible para todos os públicos, que contará con mochilas vibratorias e servizo de lingua de signos.

O Festigual pecharase o vindeiro 29 de novembro co concerto “Músicas Inclusivas e Participativas”, que se celebrará no Centro Cívico dos Mallos e contará coa actuación de Robert Pier xunto ao Coro Diversos Funcionais.

0.14938807487488