O Goberno local de Curtis proporá no Pleno a supresión do rexistro dos galiñeiros de autoconsumo

ACoruñaXa
Dende o Goberno local explícase que esta nova normativa supón “máis carga burocrática e trabas para aqueles propietarios que non sacan ningún beneficio económico destas explotacións”
Imaxe dunha galiña no galiñeiro
Imaxe dunha galiña no galiñeiro
10 abr 2024

O Concello de Curtis informa de que o vindeiro venres, 12 de abril,  levará para o seu debate no Pleno unha proposta dende o goberno local sobre a normativa en vigor dos galiñeiros de autoconsumo.

Proposta que comparte o malestar existente no municipio coa nova normativa ás explotacións/currais familiares que crían para consumo familiar e que non comercializan ningún dos seus produtos (ovos ou carne) debendo estar rexistradas no rexistro xeral de explotacións gandeiras.

Dende o Goberno local explícase que esta nova normativa supón “máis carga burocrática e trabas para aqueles propietarios que non sacan ningún beneficio económico destas explotacións”. Polo que se propón instar ao Goberno de España a que modifique o Real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, para suprimir a obrigatoriedade de rexistro destas explotacións para autoconsumo, agás decisión da autoridade competente naquelas explotacións con risco sanitario ou en base a criterios de ordenación sectorial da Comunidade Autónoma.