O Goberno de Inés Rey rexeita a proposta do BNG da creación dun plan local de saúde pública

ACoruñaXa
A voceira do BNG no Concello, Avia Veira, pide máis traballadoras e educadoras sociais e campañas de concienciación en escolas e institutos sobre o consumo de drogas
Grupo municipal BNG Pleno Febreiro
Grupo municipal BNG Pleno Febreiro
1 feb 2024

O grupo municipal do BNG no Concello da Coruña critican que no pleno celebrado este xoves, a concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, restase importancia á elaboración dun Plan Local de Saúde Pública. A pesar do aumento das drogadiccións na cidade e de que a elaboración dese programa fose parte dos compromisos asumidos polo PSOE no Acordo de Investidura pactado co BNG.

"Non estou tan de acordo coa redacción constante de plans. Ao final, o plan é pór negro sobre branco o que xa se está a traballar. Podemos ordenalo, podemos chamarlle plan, podemos licitalo, pero iso non significa que non se estea a traballar xa de forma entregada e comprometida", dixo Neira en resposta a unha pregunta oral formulada pola concelleira do BNG, Avia Veira. Na súa réplica, Neira recoñeceu o fenómeno do aumento do consumo de droga na cidade.

A concelleira nacionalista detívose especialmente na situación que se vive no barrio de Monte Alto, no que ela propia mora. "Estase a producir un aumento das drogadiccións. É un problema obxectivo que existe e non recoñecelo sería un problema a maiores", afirmou Avia Veira.

Ademais denuncia, en alusión ao PP, que problema non se resolve “achegándose a unha concentración e facendo un papelón. Vaia papelón fixeron! Vostedes durante os 4 anos que gobernaron (2011-2015, alcaldía de Carlos Negreira) pedíanlle á oposición que non fixera populismo nin demagoxia cando se detectaba un punto de venda de droga. Iso que vostede pedían daquela que non se fixese é xusto o que están vostedes a facer agora”, criticou a concelleira do BNG.

Tamén dirixiuse ao PSOE porque “vostedes ostentan responsabilidades -en relación á Delegación do Goberno” e porque “vostedes teñen que elaborar xa o Plano Local de Saúde Pública”.

Outro punto que tamén quixo tocar para referirse ao problema coas drogas na cidade e a súa solución foi: "Terán que investir en traballadoras e traballadores, educadoras e educadores, sociais na rúa e lanzar campañas de prevención nas escolas e nos institutos. Ao tempo que criticou a inacción neste campo quer do Goberno galego quer do estatal. “Hai moitos anos que non se fan campañas de concienciación que realmente cheguen á xente”, sinalou Avia Veira.

Por súa parte, a cooncelleira do PSOE, Yoya Neira puxo o acento en que neste campo o Concello asume competencias que non lle son propias. "A competencia que temos é a da prevención", concluíu.
De aí precisamente que o BNG lle pedise esforzos na realización de campañas de concienciación, en especial ás dirixidas á xente nova.