O Goberno de Arteixo levará o convenio do novo parque de bombeiros comarcal ao pleno municipal

ACoruñaXa
Tras meses de espera e presión, o Consorcio de Bombeiros enviou o convenio revisado para o novo parque, que resolverá as deficiencias do actual e mellorará a seguridade pública na comarca
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
9 Ago 2024

O Concello de Arteixo recibiu esta semana o convenio revisado do Consorcio de Bombeiros, que permitirá avanzar na construción dun novo parque de bombeiros comarcal. O convenio será agora presentado no pleno municipal para a súa aprobación. A entrega do documento chega despois de que o concello levase meses reclamando o desbloqueo da situación, debido á negativa reiterada do presidente do Consorcio, Valentín González, a firmar o acordo.

O concello xa asinou en maio o contrato para a redacción do proxecto de execución do novo parque, que se ubicará nunha parcela municipal de 4.000 m² no polígono de Morás, cedida para este fin. O anteproxecto do novo parque foi aprobado polos técnicos do Consorcio, e agora só falta a firma final do presidente Valentín González, en calidade de presidente da Deputación da Coruña.

Esta nova infraestrutura resolverá as graves deficiencias do parque actual, que se mostra obsoleto tanto en accesibilidade como en sistemas eléctricos e de almacenaxe de vehículos. A subasta da parcela municipal en 2022-2023 a Inditex por 5.082.000 euros permitirá financiar o novo parque e mellorar as instalacións públicas existentes, incluíndo a maquinaria e oficinas de servizos municipais. A nova ubicación en Morás tamén mellorará os tempos de resposta dos bombeiros ante emerxencias debido ao mellor acceso á autovía A-6.

0.19365310668945